AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



IMPARTIDOS POR LUCIANO GÓMEZ, DÉBORAH ALFAYA, RAQUEL GONZÁLEZ, ARMANDO MARTÉN, DAVID LOIRA, HERVÉ ILARI, PAULA DE CASTRO E MERCEDES SUÁREZ ENTRE O 9 E O 27 DE XULLO

O Centro Coreográfico Galego organiza oito talleres de danza clásica e contemporánea dentro do seu programa formativo de verán

[13/06/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá o vindeiro mes de xullo na Coruña un total de oito obradoiros de danza clásica e contemporánea, organizados polo Centro Coreográfico Galego (CCG) como parte do seu programa formativo. A sede da compañía pública no Complexo Deportivo de Elviña acollerá estas clases entre os días 9 e 27, período durante o que os profesores Luciano Gómez, Déborah Alfaya, Raquel Gónzález, Armando Martén, David Loira, Hervé Ilari, Paula de Castro e Mercedes Suárez impartirán os seus respectivos obradoiros de técnica clásica, puntas, pas de deux e danza contemporánea.

O prazo de solicitude para asistir a estes encontros, dirixidos especialmente a estudantes de nivel medio-alto, manterase aberto ata esgotar o número de prazas dispoñibles en cada curso, cunha media aproximada de 25 alumnos por clase. Para formalizar a solicitude, cómpre enviar o formulario correspondente -dispoñible para a súa descarga na web www.centrocoreografico.org- ao enderezo electrónico formacion.ccg@xunta.es e abonar a matrícula correspondente. Os seus prezos varían en función do número de semanas, talleres ou clases para os que se realice a inscrición.

Clásico, contemporáneo e puntas
Luciano Gómez, director do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, será o encargado da primeira destas citas formativas coa danza clásica, que terá lugar do luns 9 ao venres 13 de xullo en horario de 10.00 a 11.30 horas.

Esa primeira semana de clases celebraranse, asemade, outros tres encontros: Déborah Alfaya, directora das escolas de danza Déborah na provincia de Pontevedra, impartirá as clases de puntas de 11.30 a 12.00 horas, mentres que Raquel González, bailarina e coreógrafa do proxecto Quarks e profesora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, e Armando Martén, cofundador da compañía Entremáns e profesor do Conservatorio da Deputación coruñesa, ofrecerán senllos talleres de danza contemporánea de 12.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas, respectivamente.

As sesións da segunda semana -do luns 16 ao venres 20 de xullo- darán comezo coas clases de danza contemporánea do coreógrafo e bailarín David Loira. A continuación, o francés Hervé Ilari, bailarín do Ballet de l'Opéra de Nice, impartirá un taller de danza clásica (de 12.00 a 13.30 h) e outro de pas de deux (de 13.30 a 15.00 h), neste último caso xunto á bailarina ferrolá Paula de Castro, compañeira de Ilari na formación francesa.

A directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, pechará este programa de verán cunha última semana de clases dedicada á danza clásica e ao traballo de puntas que terá lugar do 23 ao 27 de xullo, agás o día 25, en horario de mañá.

A unidade de danza da Consellería de Cultura e Educación compaxinará estas accións formativas coa preparación da xira que, a partir de setembro, desenvolverá en diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia co seu último espectáculo, AÍNDA, integrado polas pezas Jardí Tancat, de Nacho Duato, e Aínda, de Mercedes Suárez e Amaury Lebrun.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais