AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A NOVA VERSIÓN DE "VACUO", DA OURENSÁ MARUXA SALAS, ESTRÉASE NO TEATRO POPULAR MELICO SALAZAR DE SAN JOSÉ

Cultura e Educación colabora na montaxe da primeira produción do CCG pola Compañía Nacional de Danza de Costa Rica

[13/09/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Compañía Nacional de Danza de Costa Rica na montaxe e estrea no país centroamericano de Vacuo, o espectáculo creado pola ourensá Maruxa Salas en 2006 como primeira produción artística do Centro Coreográfico Galego (CCG).

O Teatro Popular Melico Salazar de San José acolle a partir desta noite e ata o 15 de setembro as tres primeiras funcións da nova versión da peza, interpretada por 13 bailaríns e bailarinas baixo a dirección da propia Salas e de Erick Jiménez, integrantes da compañía galega de danza SóLODOS.

Durante os dous últimos meses, SóLODOS traballou co elenco da formación costarriqueña, dependente do Ministerio de Cultura y Juventud dese país, na interpretación e posta en escena da nova versión de Vacuo. O espectáculo utiliza o vestiario orixinal de Rut Díaz Pereira cedido polo CCG e a música que o grupo Berrogüetto compuxera hai 6 anos como espazo sonoro da peza. Conta, ademais, coa escenografía e iluminación baseadas nos deseños que Baltasar Patiño asinara tamén canda a estrea absoluta na Coruña.

Segundo a súa creadora, Vacuo é unha reflexión metafórica sobre a vida habitada pero non vivida, sobre o espazo acoutado polos límites que cada un de nós se marca. Fronte a estes prexuízos, Salas propón a busca interior de lugares de rexeneración, liberdade e descubrimento.

Despois da súa estadía na capital San José, a Compañía Nacional de Danza de Costa Rica desenvolverá unha xira con Vacuo por outras localidades do país e por outros destinos de Centroamérica.

Vocación internacional
Con este novo proxecto consolídase a vocación internacional de SóLODOS, compañía de orixe galega que leva representado os seus espectáculos, ademais de en Costa Rica, en México e en Cuba.

De feito, outra das coreografías de Maruxa Salas poderá verse este mes de setembro na Habana, xa que a Compañía Nacional de Cuba reporá entre os días 27 e 30 Didenoi, obra galardoada no IV Concurso Iberoamericano de Coreografía 2004, terceiro premio no Certame de Creación Coreográfica de Galicia 2005 e Segundo premio no Certamen Internacional New York-Burgos 2005.

Asemade, Azul, coreografía de 2010 de Erick Jiménez e Maruxa Salas atópase por segunda vez en proceso de montaxe por UNA Danza Joven (compañía estable da Universidade Nacional de Costa Rica) co obxectivo de continuar coa súa distribución para a próxima temporada.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais