AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ A FUNCIÓN ESTE SÁBADO DÍA 24 ÁS 21:00 HORAS

Cultura e Educación leva a Pontevedra o espectáculo de danza AÍNDA, última produción do Centro Coreográfico Galego

[22/11/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este sábado 24 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra unha función da última produción do Centro Coreográfico Galego (CCG) que, baixo o título conxunto de AÍNDA, reúne no mesmo programa as pezas Jardí Tancat, de Nacho Duato, e Aínda, creada por Mercedes Suárez e Amaury Lebrun.

O auditorio do espazo pontevedrés acollerá ás 21:00 horas esta única representación da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) na cidade, para a que está activada a venda anticipada de localidades a través da web www.servinova.es con prezos entre 5 e 8 euros.

Danza en diálogo
A través da execución de 6 bailaríns e bailarinas (Ástrid Molinero, Arturo Naranjo, Mariam Alemany, Julia Méndez, Miguel Angel Ponte e Ariel Gastón A. Caramés), a creación actual de Suárez e Lebrun dialoga en AÍNDA cun emblemático título no ámbito da danza contemporánea como é Jardí Tancat, a obra que abre o espectáculo e coa que Nacho Duato iniciou en 1983 a súa traxectoria como coreógrafo de referencia internacional.

O creador valenciano, quen estivo 20 anos á fronte da Compañía Nacional de Danza e na actualidade dirixe o ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo, cedeu os dereitos de Jardí Tancat para a súa representación por parte da compañía pública galega, así como para a utilización dos deseños de escenografía e vestiario. Trátase da primeira coreografía que deseñou Duato e coa que iniciou a súa longa traxectoria profesional cando bailaba no Nederlands Dans Theater da Haia, onde foi estreada e pola que obtivo o I Premio do Concurso Internacional de Colonia (Alemaña). Xa como director da Compañía Nacional de Danza, recuperouna para reestreala en 1992 no Teatro Albéniz de Madrid.

Jardí Tancat baséase en textos e cantos populares mallorquinos aos que a cantautora María del Mar Bonet puxo música e voz para recrear a tradición mediterránea máis antiga, relativa aos traballos realizados no campo polos payeses e no mar polos pescadores baleares. Tecnicamente componse de solos, dúos e momentos corais, que transmiten durante 20 minutos unha profunda impresión de ligazón á terra.

Con iluminación de Nicolás Fischtel e produción de Carlos Iturrioz e Mediart Producciones, para a posta en escena de Jardí Tancat o Centro Coreográfico Galego contou tamén coa achega como repetidores de Hilde Koch e do coreógrafo francés Amaury Lebrun, colaborador habitual de Duato na CDN e, na actualidade, do Centro Coreográfico Galego.

Atlántico e Mediterráneo
De feito, Lebrun asina xunto con Mercedes Suárez a segunda das pezas do programa, Aínda, creada expresamente para o CCG. Con música de ISGA Collective inspirada en melodías tradicionais galegas e vestiario de María Villas, consta de dúas partes que se desenvolven no marco dunha mesma estrutura temática a través da que se busca reflectir sobre o escenario a riqueza cultural de Galicia.

Na súa primeira parte, ideada por Mercedes Suárez, o espírito mediterráneo do Jardí Tancat de Duato serve de referencia á hora de ofrecer un contrapunto atlántico que, sen abandonar o estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega.

Pola súa banda, Amaury Lebrun introduciu a chuvia como elemento de inspiración á hora de crear a segunda parte de Aínda. Así, mentres que a primeira parte transmite un forte espírito lúdico na súa ollada cara á tradición, o coreógrafo francés propón unha mirada ao noso interior para obter unha perspectiva máis profunda e conceptual.

Tamén o CDG
Despois da estadía este sábado de AÍNDA en Pontevedra, a semana seguinte visitará tamén a cidade do Lérez o Centro Dramático Galego (CDG), a outra compañía institucional galega, que porá en escena O profesional. A obra orixinal do dramaturgo serbio Dusan Kovacevic con dirección de Manuel Guede Oliva e interpretación de Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel representarase no Centro Social Novacaixagalicia o venres día 30 de novembro ás 20:30 horas.

O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos trala morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. Con esta produción, realizada xunto a Companhia de Teatro de Braga, o CDG incorpora por primeira vez ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia, a través dun drama político e policial con grandes doses de comicidade e ironía.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais