AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ O XOVES 27, ÁS 20.30 H, UNHA FUNCIÓN DESTE ESPECTÁCULO NA QUE INTERVIRÁN 56 ALUMNAS DAS ESCOLAS JESÚS QUIROGA/ASOCIACIÓN MUNDO DANZA E MATILDE PEDREIRA DE FERROL

Cultura e Educación presenta en Narón o 'Quebranoces' do Centro Coreográfico Galego coa participación de estudantes de danza de Ferrolterra

[22/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá o vindeiro xoves 27 en Narón unha función do ballet Quebranoces do Centro Coreográfico Galego (CCG), na que un total de 56 alumnas de danza da zona de Ferrolterra actuarán xunto ao elenco profesional da compañía pública.

En concreto, na representación que terá lugar no Pazo da Cultura naronés ás 20.30 horas participarán nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de idades das escolas ferrolás Jesús Quiroga/Asociación Mundo Danza e Matilde Pedreira, ademais dun grupo de alumnas do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

A responsable do CCG, Mercedes Suárez, dirixe esta primeira produción de ballet clásico da unidade de danza da Xunta de Galicia a partir da composición orixinal de Tchaikovski e a coreografía de Petipa. O elenco interpretativo está encabezado por cinco bailaríns profesionais -Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany-, que dan vida os case que 20 personaxes deste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles deste ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre. Pola súa banda, as nenas das escolas ferrolás interpretan os anxos, os ratos, os soldados e os nenos do Petit Galop.

Proceso aberto e participativo
Coa posta en escena do Quebranoces, que se estrea hoxe en Vilagarcía e ten confirmadas un total de 12 funcións en oito escenarios, o Centro Coreográfico Galego culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos dos 18 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferentes grupos e quendas cos estudantes seleccionados cara á súa intervención nas funcións que se celebren nas localidades máis próximas ás súas de orixe.

Xunto cos devanditos centros de Ferrol e Lugo, no proxecto participan alumnos doutras dez localidades: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Pontevedra (escolas de danza Deborah e Vaganova), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet Estudio e Escola de Danza San Clemente), Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro) e Vilagarcía de Arousa (Escola de Danza Perla de Arousa).

Cóntase, asemade, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Coro Infantil do Conservatorio de Música pontevedrés para a execución da música en directo nas funcións que terán lugar na Coruña e Pontevedra, respectivamente.

No equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros. Así mesmo, a imaxe gráfica do espectáculo incorpora os debuxos das nenas Mercedes Fernández e Serea López, alumnas respectivamente da escola Deborah de Pontevedra e do conservatorio de Lugo, que foron elixidos polo Centro Coreográfico a través dun concurso aberto aos estudantes dos centros colaboradores. Ademais, estase a realizar unha selección entre todos os debuxos achegados polos estudantes para ser exposta nalgúns dos recintos onde se exhibirá o espectáculo.

120 aniversario
Coincidindo coa celebración do 120 aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.

Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Venda de entradas
As entradas para a función de Narón estarán á venda nos horarios habituais do despacho de billetes do Pazo da Cultura a un prezo de 9 euros por localidade. As reservas poden realizarse a través do teléfono 981 102 897.

Trala estrea de hoxe en Vilagarcía e a función do vindeiro xoves en Narón, o Coreográfico representará esta produción, aberta a futuras incorporacións artísticas, nos outros seis escenarios confirmados ata o momento: Pazo da Cultura de Pontevedra (día 28), Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (4 de xaneiro), Auditorio Municipal de Arteixo (18 de xaneiro), Auditorio Mar de Vigo (26 de xaneiro), Pazo da Ópera da Coruña (do 5 ao 9 de febreiro) e Auditorio Municipal de Cangas (16 de febreiro).

Documentos

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais