AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ A REPRESENTACIÓN O VENRES 28 ÁS 20:30 HORAS

Cultura e Educación ofrece en Pontevedra unha función do 'Quebranoces' con alumnos de danza, orquestra e coro do conservatorio da cidade

[26/12/2012] O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este venres día 28 en Pontevedra a súa versión do famoso ballet Quebranoces, de Tchaikovski e Petipa. Nesta representación, que se celebrará no Pazo da Cultura ás 20:30 horas, contarase coa participación de 45 estudantes das escolas de danza Deborah e Vaganova, así como coa música en directo a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e do Coro Infantil do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.

Esta función foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, por Anxo Lorenzo; pola concelleira de Cultura e Dinamización Sociocultural de Pontevedra, Anxos Riveiro; polo presidente da Sociedade Filharmónica de Pontevedra, Nacho García e por Mercedes Suárez, directora do CCG e desta montaxe, coa que a compañía pública da Xunta de Galicia desenvolve unha produción de danza clásica por primeira vez nos seus seis anos de traxectoria.

Coa versión do Quebranoces, o Centro Coreográfico Galego asume, segundo afirmou Anxo Lorenzo, "un reto que afianza as tarefas iniciadas desde a súa fundación, hai agora seis anos, como entidade encargada da promoción da danza en Galicia en toda a súa extensión".

O secretario xeral tamén salientou na súa intervención a "fórmula participativa" e as "vías de cooperación institucional" que se abren con este espectáculo. Neste sentido, referiuse á atención que se lle presta "á demanda profesional, pero tamén á parte máis amateur da danza"; así como á posta en marcha pola compañía pública de danza de "formatos nos que o que prima é a colaboración". "Son vías que todos temos que explorar para gañar audiencia, crear pedagoxía e sumar públicos", concluíu.

Co concerto de Aninovo
Como exemplo destes modelos de cooperación, no acto presentouse tamén o Concerto de Aninovo que acollerá o Pazo da Cultura o 1 de xaneiro como primeira actividade cultural de 2013 en Pontevedra, e no que a interpretación a cargo da Orquestra Filharmónica contará nalgunhas pezas das incluídas no programa coa participación de bailaríns e bailarinas do Centro Coreográfico Galego. Será un recital integrado maioritariamente por danzas e polcas de Richard e Joseph Strauss, que contará, deste xeito, con secuencias de ballet executadas en directo.

No caso do Quebranoces, máis alá da exhibición do espectáculo (que ata o momento ten confirmadas 12 funcións en 8 localidades ata febreiro), o obxectivo desta proposta é impulsar unha liña de colaboración directa coas escolas galegas de danza co obxectivo de captar novos espectadores, así como de incentivar a motivación dos estudantes desta disciplina artística mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional. Así, o Centro Coreográfico culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos e alumnas dos 18 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferentes grupos e quendas cara á intervención dos estudantes elixidos nas funcións que se celebran nas localidades máis próximas ás súas de orixe.

En Pontevedra, os seleccionados son 45 rapaces e rapazas de entre 7 e 16 anos de idade, que compartirán escenario cos bailaríns profesionais do CCG: Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany. Estes cinco intérpretes dan vida aos case que 20 personaxes principais das coñecidas pezas que conforman este ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre. Pola súa banda, as nenas e nenos das escolas pontevedresas interpretan os anxos, os ratos, os soldados e os nenos do Petit Galop, entre outros personaxes.

Música en directo
Ademais, para esta función o CCG contará coa interpretación en directo da música de Tchaikovski a cargo dos músicos da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e dos integrantes do Coro Infantil do Conservatorio Profesional de Música pontevedrés.

Xunto con estas formacións musicais, no proxecto colabora a Orquestra Sinfónica de Galicia, que tocará nas representacións do espectáculo previstas na Coruña para o mes de febreiro. No desenvolvemento desta produción participa igualmente alumnado doutras 11 localidades: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Ferrol (escolas de danza Jesús Quiroga/Asociación Mundo Danza e Matilde Pedreira), Lugo (Conservatorio Profesional de Danza), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet Estudio e Escola de Danza San Clemente), Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro) e Vilagarcía de Arousa (Escola de Danza Perla de Arousa).

No equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.

Así mesmo, a imaxe gráfica do espectáculo incorpora os debuxos das nenas Mercedes Fernández e Serea López, alumnas da escola Deborah e do conservatorio de Lugo, respectivamente, que foron elixidos polo Centro Coreográfico a través dun concurso aberto aos estudantes dos centros colaboradores. Ademais, estase a realizar unha selección entre todos os debuxos achegados polos estudantes para ser exposta nalgúns dos recintos onde se exhibirá o espectáculo.

120º aniversario
Coincidindo coa celebración do 120º aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.

Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Esta nova proposta do Centro Coreográfico, que foi estreada o pasado día 22 en Vilagarcía e que se representa hoxe en Narón, continuará en xaneiro unha xira aberta a novas datas e que inclúe funcións no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (4 de xaneiro), no Auditorio Municipal de Arteixo (18 de xaneiro), no Auditorio Mar de Vigo (26 de xaneiro), no Pazo da Ópera da Coruña (do 5 ao 9 de febreiro) e no Auditorio Municipal de Cangas (16 de febreiro).

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais