AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O AUDITORIO GUSTAVO FREIRE ACOLLERÁ UNHA FUNCIÓN DO FAMOSO BALLET DE TCHAIKOVSKI E PETIPA NA QUE, XUNTO COS BAILARÍNS PROFESIONAIS DO CCG, INTERVIRÁN MÁIS DE 60 ALUMNOS DO CENTRO LUCENSE

O 'Quebranoces' do Centro Coreográfico Galego chega este venres a Lugo en colaboración co Conservatorio Profesional de Danza

[02/01/2013] O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preséntase este venres día 4 en Lugo coa súa versión do famoso ballet Quebranoces, de Tchaikovski e Petipa, que desenvolve en colaboración co Conservatorio Profesional de Danza da cidade. Así, na función que se celebrará ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire participarán máis de 60 alumnas e alumnos deste centro, que interveñen no espectáculo xunto aos bailaríns profesionais da compañía pública.

A directora do CCG, Mercedes Suárez, púxose á fronte desta montaxe, coa que a compañía pública desenvolve unha produción de danza clásica por primeira vez nos seus seis anos de traxectoria. Ademais do equipo artístico e técnico da unidade de danza da Xunta de Galicia, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferentes grupos e quendas cos estudantes seleccionados dun total de 18 conservatorios e escolas cara á súa intervención nas funcións que se celebran nas localidades máis próximas ás súas de orixe.

Corpo de baile
O elenco interpretativo está encabezado por cinco bailaríns profesionais -Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany-, que dan vida os case que 20 personaxes deste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles do ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre. Pola súa banda, na función deste venres en Lugo os alumnos do Conservatorio integran o corpo de baile interpretando os copos, os nenos, os anxos, os soldados e os ratos, así como os convidados no Vals das flores.

Coa posta en escena do Quebranoces, que ten confirmada unha xira inicial de 12 funcións en oito localidades galegas, o Centro Coreográfico culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos dos centros que colaboran no proxecto.

Neste sentido, ademais dos rapaces e rapazas do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo -algúns dos cales actúan tamén nas representacións do espectáculo que están a ter lugar no resto de escenarios- no proceso participan estudantes doutras 11 localidades: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Ferrol (escolas de danza Jesús Quiroga/Asociación Mundo Danza e Matilde Pedreira), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Pontevedra (escolas de danza Deborah e Vaganova), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet Estudio e Escola de Danza San Clemente), Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro) e Vilagarcía (Escola de Danza Perla de Arousa).

Contouse, asemade, coa colaboración da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e do Coro Infantil do Conservatorio Profesional de Música pontevedrés para a execución da música en directo na función que tivo lugar nesa cidade, así como da Orquestra Sinfónica de Galicia para as representacións do espectáculo que se celebrarán en febreiro na Coruña.

Selección de debuxos para a imaxe gráfica
A imaxe gráfica do espectáculo incorpora os debuxos das nenas Serea López e Mercedes Fernández, alumnas respectivamente do Conservatorio lugués e da escola Deborah de Pontevedra, que foron elixidos polo Centro Coreográfico a través dun concurso aberto aos estudantes dos centros colaboradores. Ademais, estase a realizar unha selección entre todos os debuxos achegados polos estudantes para ser exposta nalgúns dos recintos onde se exhibe o espectáculo.

No equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.

120º aniversario
Coincidindo coa celebración do 120º aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece a súa propia versión deste clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.

Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Esta nova produción do Centro Coreográfico Galego, aberta a futuras incorporacións artísticas, foi estreada o pasado 22 de decembro en Vilagarcía e visitou xa Narón e Pontevedra. Trala función deste venres en Lugo, a compañía pública representará o seu Quebranoces noutros catro escenarios confirmados ata o momento: Auditorio Municipal de Arteixo (18 de xaneiro), Auditorio Mar de Vigo (26 de xaneiro), Pazo da Ópera da Coruña (do 5 ao 9 de febreiro) e Auditorio Municipal de Cangas (16 de febreiro).

Documentos

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais