AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A UNIDADE DE DANZA DA AGADIC SELECCIONARÁ 12 BAILARÍNS E BAILARINAS QUE SE CONTRATARÁN A TRAVÉS DO RÉXIME ESPECIAL PARA ARTISTAS

A Consellería de Cultura e Educación convoca audicións para configurar o novo corpo de baile do Centro Coreográfico Galego

[07/11/2013] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o proceso de selección de 12 bailaríns e bailarinas para integrar o corpo de baile dos espectáculos producidos polo Centro Coreográfico Galego.

Segundo establecen as bases publicadas na web, os interesados en concorrer a estas audicións teñen de prazo ata o vindeiro xoves día 14 de novembro para remitir ou presentar as súas solicitudes. Os aspirantes que reúnan os requirimentos esixidos serán convocados ás probas que se desenvolverán na sede que o Centro Coreográfico Galego ten no Complexo Deportivo de Elviña.

Estas probas constarán de dúas fases. Na primeira delas, de carácter eliminatorio, consistirá no desenvolvemento dunha clase de danza clásica académica, cunha hora e media de duración. Na segunda, os aspirantes haberán de desenvolver unha variación clásica ou contemporánea nun tempo máximo de cinco minutos.

Cos candidatos que non resulten seleccionados formarase unha listaxe diferenciada por sexos, que se utilizará para eventuais substitucións por renuncias ou baixas dos titulares, respectándose a orde de puntuación acadada nas probas de selección.

A dirección da Agadic nomeará os membros do tribunal seleccionador, da que formarán parte un coreógrafo ou coreógrafa e dous ou dúas profesionais da danza.

Os bailaríns finalmente escollidos poderán formalizar un contrato de traballo sometido á lexislación que regula a relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos. Das doce prazas convocadas, 8 serán a xornada completa (cunha retribución bruta mensual de 1.323,46 ) e 4 a media xornada (cun soldo de 661,73 ). A duración do contrato será do 1 de decembro de 2013 ao 30 de abril de 2014.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais