AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A SEDE DA UNIDADE DE DANZA DA AGADIC NA CORUÑA ACOLLE HOXE AS PROBAS PARA ELIXIR O CORPO DE BAILE DA COMPAÑÍA PÚBLICA

O Centro Coreográfico Galego convoca un total de 145 bailaríns e bailarinas nas audicións da temporada 2013-14

[18/11/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou un total de 145 bailaríns e bailarinas para participar nas audicións que o Centro Coreográfico Galego está a desenvolver hoxe na súa sede da Coruña co obxectivo de seleccionar o corpo de baile co que contará a compañía pública de danza para a temporada 2013-14.

Os aspirantes, que optan a 12 prazas -das que oito serán a xornada completa e catro a media xornada- da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), remitiron as súas solicitudes desde diferentes puntos de Galicia e de España, así como doutros seis países (Albania, Arxentina, Bélxica, Italia, Marrocos e Xapón).

Primeira fase eliminatoria
As probas, que constan de dúas fases, estanse a desenvolver desde primeira hora da mañá coa participación dos candidatos -distribuídos en tres quendas de intervención- nunha clase de danza clásica académica dunha hora e media de duración. Os que superen esta primeira fase, de carácter eliminatorio, serán convocados para a sesión de tarde, durante a que disporán dun tempo máximo de cinco minutos para executar unha variación clásica ou contemporánea, segundo a súa elección.

O xurado está presidido por Cristelle Horna, ex bailarina da Compañía Nacional de Danza, e del tamén forman parte como vogais o coreógrafo Armando Martén, da compañía galega Entremáns, e a bailarina Carolina Armenta, asistente coreográfica do Cullberg Ballet de Suecia e do Nederlans Dans Theater de Holanda, ademais de dous representantes da Agadic.

Os 12 bailaríns e bailarinas finalmente elixidos pasarán a integrar o corpo de baile do Centro Coreográfico Galego para as representacións que a compañía pública levará a cabo durante a temporada escénica 2013-14. Neste sentido, o seu primeiro cometido será actuar nas tres funcións do ‘Quebranoces’, que a unidade de danza da Agadic reporá do 6 ao 8 de decembro no Teatro Colón da Coruña e para as que xa está dispoñible a venda anticipada de entradas a través da web de Servinova.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais