AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



UN TOTAL DE 21 ALUMNOS ASISTEN A ESTE OBRADOIRO, QUE SE CELEBRA DESDE HOXE E ATA O VINDEIRO DÍA 13 NAS INSTALACIÓNS DA COMPAÑÍA PÚBLICA NA CORUÑA

O Centro Coreográfico Galego organiza un curso de danza contemporánea con Amaury Lebrun

[09/12/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza desde hoxe e ata o vindeiro venres día 13 o curso de danza contemporánea que o coreógrafo francés Amaury Lebrun está a impartir na sede coruñesa do Centro Coreográfico Galego. Un total de 21 alumnos participan nesta actividade, inserida no programa formativo que a unidade de produción coreográfica da Xunta de Galicia destina tanto a profesionais da danza como a estudantes de nivel avanzado.

Durante as sesións, que se desenvolven esta semana en horario de 10.00 a 12.00 horas, Lebrun aborda xunto aos participantes os principais fundamentos da técnica contemporánea, ao tempo que lles propón diferentes actividades prácticas de composición e improvisación dirixidas a afondar no tratamento e coñecemento do espazo, a dinámica, a creación, etc.

Traxectoria
Colaborador habitual do Centro Coreográfico Galego e exbailarín principal da Compañía Nacional de Danza, Amaury Lebrun compaxina a súa actividade creativa á fronte da súa propia compañía -ADC (Amaury Dance Company)- e para outras formación co seu labor docente como profesor no Conservatorio Superior de Danza "María de Ávila" de Madrid e mestre en cursos e obradoiros organizados por diferentes entidades.

Comezou os seus estudos de danza no Ballet du Nord do seu país natal, para completar a súa formación na School of American Ballet de Nova York, onde foi elixido por Jerome Robbins para unha creación. Ademais da Compañía Nacional de Danza, Lebrun foi bailarín solista doutras formacións europeas como o Ballet du Rhin, o Deutsche Staatsoper de Berlín ou o Ballet de L’Opera de Niza, período durante o que destaca como intérprete de obras de coreógrafos como Maurice Béjart, Georges Balanchine, Nils Christi, Carolyn Carlson, Roland Petit, Hans Van Manen, John Cranko, José Limón, Maryse Delente, Claude Brumachon, Myriam Naisy ou Kurt Joos, entre outros.

Para o Centro Coreográfico Galego asinou a coreografía ‘Magnificat’, estreada en 2011 dentro do espectáculo ‘3Dtres’, e a segunda parte de ‘Aínda’ para a produción homónima de 2012.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais