AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A OBRA GAÑADORA EMPREGARASE COMO CARTEL PROMOCIONAL DA MONTAXE QUE A UNIDADE COREOGRÁFICA DA AGADIC ESTREARÁ NA CORUÑA O 21 DE FEBREIRO

O Centro Coreográfico Galego convoca un concurso de debuxo infantil con motivo da produción do ballet 'A bela adormecida'

[05/01/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza un concurso de debuxo para nenas e nenos de 7 a 13 anos de idade arredor do ballet clásico ‘A bela adormecida’, que o Centro Coreográfico Galego prepara nestes momentos cara á súa estrea o 21 de febreiro no Pazo da Ópera da Coruña. O obxectivo desta convocatoria é motivar a creatividade e a curiosidade do público infantil arredor do mundo da danza, facéndoo partícipe do proceso creativo dun espectáculo coreográfico e de todo o traballo previo que queda fóra do alcance do público.

Os debuxos poden enviarse ata o 17 de xaneiro á sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña, seguindo as instrucións das bases publicadas nas páxinas web www.centrocoreografico.org e www.agadic.info.

Para a súa realización pódese empregar calquera tipo de técnica (lapis de cores, rotulador, cera, témpera, etc.), sempre que se adapte ao formato de folio DIN A-4. O tema é a historia de ‘A bela adormecida’, escrita polo francés Charles Perrault a partir dun conto de tradición oral e que a finais do século XIX serviu de inspiración para un dos ballets máis aclamados do repertorio clásico universal, con música de Tchaikovski, coreografía de Petipa e libreto de Vsevolojski.

Proceso de selección
A obra gañadora será elixida por un xurado presidido pola directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, e do que tamén formarán parte un representante do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa e dous profesionais da fotografía e do deseño. Este debuxo será empregado como cartel promocional do novo espectáculo da unidade de produción coreográfica da Consellería de Cultura e Educación. Nel figurará tamén o nome do gañador/a, quen recibirá á súa vez catro entradas para a estrea da Coruña.

O xurado seleccionará, así mesmo, un total de 50 debuxos para ser expostos no Pazo da Ópera da Coruña durante os días de representación do ballet, que o Centro Coreográfico Galego escenificará do 21 ao 22 de febreiro xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e coa participación de diferentes conservatorios e escolas galegas de danza, seguindo a fórmula de colaboración didáctica empregada para o ‘Quebranoces’, a súa anterior produción. Ademais, ofreceranse varias sesións didácticas para escolares en pases matinais do 12 ao 14 de febreiro.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais