AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PLAN DE ACTIVIDADE DA COMPAÑÍA PÚBLICA PARA ESTE ANO INCLÚE TAMÉN O ESPECTÁCULO 'FULL HOUSE' DE JOHAN INGER E UNHA NOVA CONVOCATORIA DE COPRODUCIÓN

'A bela adormecida' estréase o 21 de febreiro na Coruña como primeira produción de 2014 do Centro Coreográfico, en colaboración coa Sinfónica

[12/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe na Coruña a estrea do ballet clásico ‘A bela adormecida’ que, producido polo Centro Coreográfico Galego (CCG) en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), terá lugar os días 21 e 22 de febreiro no Pazo da Ópera.

Con esta versión en dous actos da célebre creación de Tchaikovski e Petipa, baixo a dirección escénica de Mercedes Suárez e co mestre Jonathan Webb á batuta da Sinfónica, arrinca o plan de actividade da unidade coreográfica da Xunta de Galicia para este ano, durante o que tamén levará a escena o espectáculo de danza contemporánea ‘Full House’, da man do coreógrafo sueco Johan Inger, e abrirá unha convocatoria pública cara á coprodución doutra montaxe cunha compañía galega.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández; o xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa Nikiforov, a directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, e o director de orquestra Jonathan Webb compartiron a presentación das funcións de estrea desta primeira produción de 2014, para a que a compañía pública volve contar coa música en directo da OSG e coa participación en escena dos alumnos dun total de 10 conservatorios e escolas de danza de toda Galicia.

Exhibición, formación e creación de públicos
Como explicou Jacobo Sutil na súa intervención, ‘A bela adormecida’ sigue a mesma fórmula de colaboración didáctica emprendida polo CCG co ‘Quebranoces’, o seu anterior espectáculo, no sentido de "xuntar dun xeito moi especial a exhibición, a formación e a procura de novos espectadores para a danza".

Con este mesmo obxectivo e de xeito previo ás dúas funcións do venres 21 (20.00 h) e o sábado 22 (18.00 h), nas que se representará o espectáculo completo para o público xeral, desde hoxe e ata este venres día 14 desenvolveranse un total de seis sesións matinais para escolares, ás 10.30 e ás 12.00 horas, nun formato especial didáctico que ten como narrador o actor coruñés Daniel Currás, coñecido do gran público polos seus papeis nas series ‘Matalobos’, ‘El secreto de puente viejo’ ou ‘Piratas’, entre outras. Inseridos no programa didáctico da Sinfónica, estes pases congregarán máis de 8.500 alumnos de 71 centros escolares, 38 deles da cidade da Coruña e 33 de fóra do municipio.

O elenco de 12 bailaríns profesionais do Centro Coreográfico Galego -Ástrid Molinero, Juan M. Hernández, Paula Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luís Cibreiro- interpreta os papeis principais deste ballet, compartindo escenario con alumnos de diferentes idades que cursan estudos de danza nos conservatorios profesionais de Lugo e da Deputación da Coruña, así como nas escolas Danzade, Druída e Carmen da Coruña, Náyade de Ames, Cinderella de Arteixo, Danzarte de Betanzos e nas municipais de Oleiros e Ponteceso.

Na ficha artística desta nova proposta clásica, María Villas repite como deseñadora do vestiario e da escenografía, que -como é habitual nas producións da compañía pública- foron realizados polos equipos de xastrería e de talleres da Agadic.

Versión en dous actos
Na versión do CCG, ‘A bela adormecida’ concentra en dous actos un dos ballets máis aclamados do repertorio clásico internacional, estreado por vez primeira en 1890 con coreografía de Petipa, libreto de Vsevolojski e música de Tchaikovski. A primeira parte céntrase na historia da princesa Aurora escrita polo francés Charles Perrault, mentres que a segunda parte corresponde ao terceiro acto do orixinal e recrea outros contos do mesmo autor, como ‘O gato con botas’, ‘Carapuchiña vermella’ ou ‘O paxaro azul’.

A venda anticipada de entradas para as funcións do 21 e do 22 de febreiro na Coruña xa está operativa a través da web entradas.novagaliciabanco.es como parte do programa ‘Concertos en familia’ da Sinfónica. Tamén se poden adquirir no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres -agás festivos- de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas, mentres que na billeteira do Pazo da Ópera estarán dispoñibles o mesmo día das representacións de 11.00 a 14.00 horas e a partir das 17.00 horas. O prezo da entrada xeral é de 5 euros e de 2 euros para menores de 18 anos.

Trala súa estadía na Coruña, 'A bela adormecida' poderá verse proximamente en Cangas dos Morrazo (Auditoro Municipal, 29 de marzo) e Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 30 de abril).

Danza contemporánea
Durante a presentación do novo plan de produción, o director da Agadic maila directora do Centro Coreográfico Galego avanzaron outras das principais propostas que a compañía pública asumirá ao longo do ano, durante o que tamén manterá o seu programa formativo para profesionais e estudantes, así como as diferentes liñas de colaboración con centros de ensino e outros colectivos. Así, e despois deste achegamento ao ballet clásico para todos os públicos, iniciaranse os ensaios para a estrea o 3 de abril dun novo espectáculo de danza contemporánea: 'Full House', creado e dirixido para o CCG por Johan Inger, antigo integrante da Neederlans Dans Theater, unha das compañías máis innovadoras do panorama internacional, e coñecido en España polas súas coreografías para a Compañía Nacional de Danza.

Ademais, Jacobo Sutil anunciou que en breve prazo a Axencia Galega das Industrias Culturais publicará unha convocatoria aberta a todas as compañías privadas de Galicia para abordar, xa en outono e en réxime de coprodución co Centro Coreográfico, unha nova montaxe a través da que se buscará afondar no diálogo artístico coa danza tradicional galega.

Documentos

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais