AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O ESPECTÁCULO, INTERPRETADO POR 64 BAILARÍNS E 73 MÚSICOS, REPRESÉNTASE MAÑÁ ÁS 20.00 E O SÁBADO ÁS 18.00

O Pazo da Ópera da Coruña encherase para a estrea do ballet 'A bela adormecida' polo Centro Coreográfico e a Sinfónica de Galicia

[20/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea mañá venres na Coruña o ballet clásico ‘A bela adormecida’, produción do Centro Coreográfico Galego (CCG) en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), que interpretan un total de 64 bailaríns e 73 músicos. O Pazo da Ópera encherase esta fin de semana durante as dúas primeiras funcións para público xeral do espectáculo, que congregarán máis de 3.200 espectadores. De feito, nestes momentos quedan poucas entradas para o pase de mañá, ás 20.00 horas, mentres que xa están esgotadas todas as localidades para o do sábado, ás 18.00 horas.

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, asistirá mañá a esta primeira representación completa do espectáculo, con dirección escénica da responsable do CCG, Mercedes Suárez, e musical do mestre Jonathan Webb, á batuta da Sinfónica. No seu formato didáctico, ‘A bela adormecida’ xa foi vista polos máis de 8.500 alumnos de 71 colexios que asistiron aos seis pases escolares programados no Pazo da Ópera durante a pasada semana.

Colaboración didáctica
Para a versión en dous actos do célebre ballet de Tchaikovski e Petipa, coa que arrinca o plan de produción do Centro Coreográfico para 2014, a unidade de danza da Xunta de Galicia conta tamén coa participación de alumnos dun total de 10 conservatorios e escolas de danza de toda Galicia. Neste sentido, afonda na mesma fórmula de colaboración didáctica emprendida co ‘Quebranoces’, a súa anterior proposta clásica, cunha dobre finalidade: dunha banda, contribuír á creación de novos públicos para esta disciplina artística e doutra, favorecer a motivación dos estudantes e profesores mediante a súa implicación nunha produción coreográfica a nivel profesional.

Así, nestas primeiras representacións o elenco de 12 bailaríns profesionais do Centro Coreográfico Galego -Àstrid Molinero, Juan M. Hernández, Paula Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luís Cibreiro- comparte escenario con rapaces e rapazas de diferentes idades que cursan estudos de danza nos conservatorios profesionais de Lugo e da Deputación da Coruña, así como nas escolas Danzade, Druída e Carmen da Coruña, Náyade de Ames, Cinderella de Arteixo, Danzarte de Betanzos e nas municipais de Oleiros e Ponteceso.

Na ficha artística desta nova montaxe clásica, María Villas repite como deseñadora do vestiario e da escenografía, que -como é habitual nas producións da compañía pública- foron realizados polos equipos de xastrería e de talleres da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

‘A bela adormecida’ concentra en dous actos un dos ballets máis aclamados do repertorio clásico internacional, estreado en 1890 con coreografía de Petipa, libreto de Vsevolojski e música de Tchaikovski. A primeira parte céntrase na historia da princesa Aurora escrita polo francés Charles Perrault, mentres que a segunda parte corresponde ao terceiro acto do orixinal e recrea outros contos do mesmo autor, como ‘O gato con botas’, ‘Carapuchiña vermella’ ou ‘O paxaro azul’.

Exposición de debuxos
Ademais, durante as representacións do Centro Coreográfico Galego na Coruña, o Pazo da Ópera acolle na súa entrada unha exposición dos 34 debuxos recibidos pola compañía pública con motivo do concurso infantil que organizou arredor deste ballet. A obra da gañadora -Inés Vieiro, de Santiago de Compostela- ilustra, así mesmo, o cartel do espectáculo, no que tamén se incorporaron detalles do debuxo de Miranda Rodríguez, de Sada, quen recibiu unha mención especial neste certame.

Nestes momentos, a venda anticipada das últimas localidades para a función de mañá venres continúa operativa a través da web entradas.novagaliciabanco.es como parte do programa ‘Concertos en familia’ da Sinfónica. Tamén se poden adquirir no despacho de billetes da praza de Ourense (de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas) ou na billeteira do Pazo da Ópera, aberta os días de representación de 11.00 a 14.00 horas e a partir das 17.00 horas.

Tras esta fin de semana na Coruña, 'A bela adormecida' poderá verse proximamente nos auditorios municipais de Vilagarcía de Arousa (23 de marzo), Cangas do Morrazo (29 de marzo) e Lugo (30 de abril).

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais