AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A PEZA ‘FULL HOUSE’, CREADA ESPECIFICAMENTE PARA A UNIDADE DE DANZA DA XUNTA, SUPÓN O SEU DEBUT EN GALICIA

O Centro Coreográfico conta co prestixioso coreógrafo sueco Johan Inger para a súa nova produción contemporánea

[12/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conta co coreógrafo sueco Johan Inger para a nova produción de danza contemporánea que o Centro Coreográfico Galego (CCG) estreará o 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. ‘Full House’ é o título da peza que Inger ideou especificamente para a súa montaxe pola unidade de danza da Xunta no que é, ademais, o primeiro traballo en Galicia deste recoñecido creador, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet.

A compañía pública iniciou esta semana os ensaios desta proposta que, tras as estreas dos ballets clásicos ‘Quebranoces’ e ‘A bela adormecida’ xunto a conservatorios e escolas de danza de toda Galicia, supón unha nova achega ao seu repertorio contemporáneo. Neste sentido, para o espectáculo que presentará a partir de abril reporá tamén a peza ‘Magnificat’, que Amaury Lebrun creou en 2011 para o espectáculo do CCG ‘3DTres’.

O corpo de baile do Centro Coreográfico está a traballar xa en ‘Full House’ xunto a Carl Inger, irmán e colaborador directo de Johan, quen posúe tamén unha sobresaínte traxectoria internacional como bailarín. Pola súa banda, Johan Inger desprazarase proximamente á Coruña para ultimar a montaxe da súa nova creación antes da súa estrea no Rosalía.

Repertorio internacional
O CCG súmase así ao conxunto das destacadas compañías de todo o mundo que incorporan ao seu repertorio as pezas deste coreógrafo sueco. De feito, o NDT2 estreou o pasado día 6 e iniciou onte a xira holandesa de ‘B.R.I.S.A.’, a última montaxe de Inger ata o momento. Tamén a Compañía Nacional de Danza levou a escena en 2012 ‘Walking Mad’, outra das súas exitosas coreografías que xa estreara en 2001 o Nederlans Dans Theater xunto ao Lucent Danstheater da Haia.

Nacido en Estocolmo en 1967, Johan Inger debutou como coreógrafo en 1995 coa premiada ‘Mellantid’, tamén para o NDT2, sobresaíndo axiña como un creador inventivo e cun amplo espectro estilístico que vai do cómico e teatral ao terreal e orgánico. Tras exercer como director artístico do Cullberg Ballet sueco entre os anos 2003 e 2008, en 2009 incorpórase ao equipo de colaboradores do Nederlands Dans Theater como coreógrafo asociado, labor que compaxina coa súa carreira como creador independente.

Como bailarín desenvolveu boa parte da súa traxectoria no Ballet Real de Suecia e no NDT1, onde chegou en 1990 atraído polo traballo do coreógrafo Jiří Kylián e onde durante doce anos foi un dos seus bailaríns de referencia.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais