AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O COREOGRÁFICO ACTÚA NO AUDITORIO MUNICIPAL TRAS O ÉXITO OBTIDO NA ESTREA DESTE BALLET NA CORUÑA

'A bela adormecida', este domingo 23 de marzo en Vilagarcía de Arousa

[21/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este domingo 23 de marzo en Vilagarcía de Arousa unha función de ‘A bela adormecida’, a última produción clásica do Centro Coreográfico Galego (CCG) a partir do famoso ballet de Piotr Illich Tchaikovski e Marius Petipa. Esta representación, que terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, vén precedida do gran éxito de público obtido pola compañía pública na estrea desta montaxe hai un mes no Pazo da Ópera da Coruña, onde congregou xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia un total de 12.962 espectadores con cheos practicamente absolutos nos seus dous pases xerais e seis escolares.

Baixo a dirección escénica da responsable do CCG, Mercedes Suárez, a posta en escena de ‘A bela adormecida’ conta coa participación de alumnos de danza de toda Galicia, seguindo a mesma fórmula empregada no ‘Quebranoces’, a anterior proposta clásica do Coreográfico que foi estreada a finais de 2012 neste mesmo escenario arousán.

Creación de públicos
Afóndase deste xeito na liña de colaboración didáctica que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver a través do súa unidade de danza cunha dobre finalidade: dunha banda, contribuír á creación de novos públicos para esta disciplina artística e doutra, favorecer a motivación dos estudantes e profesores mediante a súa implicación nunha produción coreográfica a nivel profesional.

Así, en Vilagarcía o elenco de 12 bailaríns profesionais -Àstrid Molinero, Juan M. Hernández, Paula Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luís Cibreiro- comparte escenario con rapaces e rapazas de diferentes idades que cursan estudos nos conservatorios profesionais de Lugo e da Deputación da Coruña e na escola Cinderella de Arteixo.

Na ficha artística desta nova montaxe clásica, María Villas repite como deseñadora do vestiario e da escenografía, que -como é habitual nas producións da compañía pública- foron realizados polos equipos de xastrería e de talleres da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

‘A bela adormecida’ concentra en dous actos un dos ballets máis aclamados do repertorio clásico internacional, estreado en 1890 con coreografía de Petipa, libreto de Vsevolojski e música de Tchaikovski. A primeira parte céntrase na historia da princesa Aurora escrita polo francés Charles Perrault, mentres que a segunda parte corresponde ao terceiro acto do orixinal e recrea outros contos do mesmo autor, como ‘O gato con botas’, ‘Carapuchiña vermella’ ou ‘O paxaro azul’.

Venda de entradas
As entradas poden adquirirse por adiantado a través da web servinova.com ou do teléfono 902 504 500 e o día da función, a partir das 17.00 horas no despacho de billetes do Auditorio Municipal. Os seus prezos oscilan entre os 6 e os 10 euros, máis gastos de xestión.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais