AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



AS DÚAS PRIMEIRAS FUNCIÓNS SERÁN OS DÍAS 3 E 4 DE ABRIL ÁS 20:30H NO TEATRO ROSALÍA CASTRO DA CORUÑA

Cultura e Educación promove a danza contemporánea coa estrea de 'Full House' a cargo do Centro Coreográfico Galego

[01/04/2014] O Centro Coreográfico Galego da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea este xoves día 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña ‘Full House’, unha peza de danza contemporánea creada polo recoñecido coreógrafo sueco Johan Inger para promover en Galicia este tipo de manifestación artística.

A nova produción, ideada especificamente para a súa montaxe pola unidade de danza da Xunta no que é, ademais, o primeiro traballo en Galicia deste prestixioso creador, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet, desenvolverá dúas funcións na Coruña (3 e 4 de abril ás 20:30 horas). Iniciará despois unha xira de actuacións que a levarán durante o mes de abril aos escenarios de Cangas de Morrazo (Auditorio Municipal, día 6, 20:00h), Santiago de Compostela (Salón Teatro, días 7 e 8, 20:30h), Carballo (Pazo da Cultura, día 12, 21:00h) e Pontevedra (día 26 de abril, 21:00h).

A montaxe, que foi presentada hoxe aos medios de comunicación pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, a directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez e o propio Johan Inger; ten por obxectivo a difusión na nosa Comunidade da danza contemporánea de calidade durante o mes no que se conmemora, ademais, o Día Internacional da Danza (instituído pola UNESCO o 29 de abril).

Con doce bailaríns
En ‘Full House’ o corpo de baile do CCG, que na actual temporada integran os doce bailaríns e bailarinas Àstrid Molinero, Juan Hernández, Paula M. Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luis Cibreiro, executa durante os 30 minutos de duración da peza un traballo introspectivo realizado coa base sonora de distintos fragmentos da música folclórica húngara de Lajkó Félix.

A interpretación de ‘Full House’ irá precedida no programa para cada función da reposición de ‘Magnificat’, peza tamén de estilo contemporáneo deseñada en 2011 por Amaury Lebrun, coreógrafo francés habitual colaborador do Centro Coreográfico. Lebrun, que na actualidade traballa na montaxe dun ballet coa Ópera de Sídney, creara ‘Magnificat’ como parte do espectáculo 3DTres, no que recreaba un mundo de contrastes no ámbito da historia da danza, coa utilización do tutú romántico en contraposición aos movementos máis actuais.

O Centro Coreográfico Galego volve así ao xénero contemporáneo tras as estreas dos ballets clásicos ‘Quebranoces’ (2012) e ‘A bela adormecida’ (2013). De feito, a distribución de ‘Full House’ compatibilizarse durante este mes coa desta última montaxe, que foi vista xa por máis de 14.000 persoas desde a súa estrea o pasado mes de febreiro.

As entradas para as funcións da Coruña poden adquirirse de xeito anticipado en www.taquilla.servinova.com ou na billeteira do Teatro Rosalía Castro nos horarios habituais.

Repertorio internacional
Con ‘Full House’ o CCG súmase ao conxunto das destacadas compañías de todo o mundo que incorporan ao seu repertorio as pezas deste coreógrafo sueco, que estreou para o NDT2 o pasado 6 de marzo ‘B.R.I.S.A.’, a última montaxe de Inger, na actualidade de xira por toda Holanda. Tamén a Compañía Nacional de Danza levou a escena en 2012 ‘Walking Mad’, outra das súas exitosas coreografías que xa estreara en 2001 o Nederlans Dans Theater xunto ao Lucent Danstheater da Haia.

Nacido en Estocolmo en 1967, Johan Inger debutou como coreógrafo en 1995 coa premiada ‘Mellantid’, tamén para o NDT2, sobresaíndo axiña como un creador inventivo e cun amplo espectro estilístico que vai do cómico e teatral ao terreal e orgánico. Tras exercer como director artístico do Cullberg Ballet sueco entre os anos 2003 e 2008, en 2009 incorpórase ao equipo de colaboradores do Nederlands Dans Theater como coreógrafo asociado, labor que compaxina coa súa carreira como creador independente.

Como bailarín desenvolveu boa parte da súa traxectoria no Ballet Real de Suecia e no NDT1, onde chegou en 1990 atraído polo traballo do coreógrafo Jiří Kylián e onde durante doce anos foi un dos seus bailaríns de referencia.

Documentos

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais