AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



SERÁ NO PAZO DA CULTURA ÁS 21.00 HORAS

O Centro Coreográfico Galego amosa este sábado en Pontevedra o seu último espectáculo, 'Full House'

[23/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este sábado 26 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra unha función do espectáculo ‘Full House’, a última produción de danza contemporánea do Centro Coreográfico Galego (CCG) creada por Johan Inger.

A representación, que dará comezo ás 21:00 horas, pecha a primeira etapa da xira que ao longo deste mes no que se conmemora o Día Internacional da Danza (29 de abril), levou a cabo a compañía pública con esta peza destinada á difusión do xénero contemporáneo en Galicia.

Despois da súa estrea na Coruña e do seu paso por Cangas de Morrazo, Santiago de Compostela e Carballo, ‘Full House’ chega á cidade do Lérez pola colaboración establecida co Concello de Pontevedra. As entradas poden adquirirse xa de xeito anticipado a través da billeteira electrónica www.taquilla.servinova.com ou no despacho do propio auditorio do Pazo da Cultura nos horarios habituais.

Ideada especificamente por Inger para o Centro Coreográfico Galego, ‘Full House’ constitúe o primeiro traballo en Galicia deste prestixioso creador de nacionalidade sueca, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet.

Con doce bailaríns
O corpo de baile do CCG, que na actual temporada integran os doce bailaríns e bailarinas Àstrid Molinero, Juan Hernández, Paula M. Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luis Cibreiro, executa durante os 30 minutos de duración da peza un traballo introspectivo realizado coa base sonora de distintos fragmentos da música folclórica húngara de Lajkó Félix.

A interpretación de ‘Full House’ vai precedida da reposición de ‘Magnificat’, peza tamén de estilo contemporáneo deseñada en 2011 por Amaury Lebrun, coreógrafo francés habitual colaborador do Centro Coreográfico. Lebrun, que na actualidade traballa na montaxe dun ballet coa Ópera de Sídney, creara ‘Magnificat’ como parte do espectáculo 3DTres, no que recreaba un mundo de contrastes no ámbito da historia da danza, coa utilización do tutú romántico en contraposición aos movementos máis actuais.

Repertorio internacional
Con ‘Full House’ o CCG súmase ao conxunto das destacadas compañías de todo o mundo que incorporan ao seu repertorio as pezas deste coreógrafo sueco, que estreou para o NDT2 o pasado 6 de marzo ‘B.R.I.S.A.’, a última montaxe de Inger, na actualidade de xira por toda Holanda. Tamén a Compañía Nacional de Danza levou a escena en 2012 ‘Walking Mad’, outra das súas exitosas coreografías que xa estreara en 2001 o Nederlans Dans Theater xunto ao Lucent Danstheater da Haia.

Nacido en Estocolmo en 1967, Johan Inger debutou como coreógrafo en 1995 coa premiada ‘Mellantid’, tamén para o NDT2, sobresaíndo axiña como un creador inventivo e cun amplo espectro estilístico que vai do cómico e teatral ao terreal e orgánico. Tras exercer como director artístico do Cullberg Ballet sueco entre os anos 2003 e 2008, en 2009 incorpórase ao equipo de colaboradores do Nederlands Dans Theater como coreógrafo asociado, labor que compaxina coa súa carreira como creador independente.

Como bailarín desenvolveu boa parte da súa traxectoria no Ballet Real de Suecia e no NDT1, onde chegou en 1990 atraído polo traballo do coreógrafo Jiří Kylián e onde durante doce anos foi un dos seus bailaríns de referencia.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais