AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



SERÁ O MÉRCORES 30 ÁS 20:30 HORAS NO AUDITORIO MUNICIPAL GUSTAVO FREIRE

O CCG leva a Lugo o ballet 'A bela adormecida' coa actuación no escenario de alumnos do conservatorio de danza da cidade

[28/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este mércores 30 de abril en Lugo a última función de ‘A bela adormecida’, a produción de ballet clásico do Centro Coreográfico Galego (CCG) a partir do famoso ballet de Piotr Illich Tchaikovski e Marius Petipa. Alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo participan desde o escenario nesta representación, que terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

O espectáculo remata así a súa distribución inicial cun notable éxito de público desde a súa estrea hai dous meses no Pazo da Ópera da Coruña xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia. Máis de 14.000 espectadores de todas as idades asistiron ás dez funcións didácticas e para público xeral levadas a cabo na Coruña, Vilagarcía de Arousa e Cangas de Morrazo.

Baixo a dirección escénica da responsable do CCG, Mercedes Suárez, a posta en escena de ‘A bela adormecida’ conta coa participación de estudantes de danza de toda Galicia, seguindo a mesma fórmula empregada no ‘Quebranoces’, a anterior proposta clásica do Coreográfico que fora estreada a finais de 2012.

Novos públicos
Afóndase deste xeito na liña de colaboración didáctica que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver a través do súa unidade de danza cunha dobre finalidade: dunha banda, contribuír á creación de novos públicos para esta disciplina artística e doutra, favorecer a motivación dos estudantes e profesores mediante a súa implicación nunha produción coreográfica a nivel profesional.

Así, en Lugo, o elenco de 12 bailaríns do Centro Coreográfico -Àstrid Molinero, Juan M. Hernández, Paula Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luís Cibreiro- comparte escenario con rapaces e rapazas que cursan estudos no Conservatorio Profesional de Danza Lugo, ademais doutros estudantes procedentes doutros centros de ensino galegos.

Na ficha artística desta nova montaxe clásica, María Villas repite como deseñadora do vestiario e da escenografía, que -como é habitual nas producións da compañía pública- foron realizados polos equipos de xastrería e de talleres da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

‘A bela adormecida’ concentra en dous actos un dos ballets máis aclamados do repertorio clásico internacional, estreado en 1890 con coreografía de Petipa, libreto de Vsevolojski e música de Tchaikovski. A primeira parte céntrase na historia da princesa Aurora escrita polo francés Charles Perrault, mentres que a segunda parte corresponde ao terceiro acto do orixinal e recrea outros contos do mesmo autor, como ‘O gato con botas’, ‘Carapuchiña vermella’ ou ‘O paxaro azul’.

As entradas para a función de Lugo poden adquirirse no despacho de billetes do Auditorio Municipal Gustavo Freire.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais