AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O CCG AMPLIOU O NÚMERO DE PRAZAS EN RESPOSTA Á DEMANDA REXISTRADA

Gran acollida do taller de danza clásica da mestra Virginia Valero

[14/07/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve desde hoxe e ata o vindeiro venres na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña un obradoiro de danza clásica coa mestra Virginia Valero, directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Ávila’.

A unidade de danza da Consellería de Cultura ampliou o número de prazas inicialmente previsto para dar resposta á gran demanda rexistrada, de xeito que finalmente asisten a este taller un total de 31 alumnos, tanto en calidade de activos como de oíntes. Atópanse entre eles bailaríns profesionais, estudantes e profesores de danza de toda Galicia que, divididos en dous grupos segundo o seu nivel, teñen a oportunidade de consolidar e mellorar a súa técnica clásica da man dunha profesora cunha intensa e moi ampla traxectoria docente.

Ademais da súa experiencia á fronte do Conservatorio Superior madrileño desde 2006 e anteriormente como directora durante 15 anos do Real Conservatorio Profesional de Danza de Madrid, Valero é membro da comisión executiva do Consello Nacional das Artes Escénicas do Ministerio de Cultura e do Consello Nacional da Danza.

Oferta formativa en Vigo e na Coruña
Este é o segundo obradoiro organizado no marco do programa formativo que o Centro Coreográfico Galego preparou para 2014 e que deu comezo a primeiros de mes na Coruña cun taller sobre Gyrokinesis e a súa aplicación á danza clásica impartido por Eva Pérez Atienza. Tamén en xullo, entre os días 21 e 25, terá lugar na sede da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) en Vigo un curso de composición coreográfica contemporánea a cargo do coreógrafo madrileño Ángel Rodríguez.

Esta oferta pedagóxica inclúe, así mesmo, a visita á Coruña durante a primeira semana de decembro do mestre cubano Lázaro Carreño, quen durante tres décadas percorreu todo o mundo como primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba. O prazo de solicitude para o seu obradoiro de danza clásica e técnica de puntas abrirase a primeiros de novembro.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais