AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



TRÁTASE DAS OBRAS "HIBRIDOLOGY", "TRUMP" E "SOLIPISMO"

O Centro Coreográfico Galego contribuirá á creación de tres novas pezas de danza a través do seu programa de residencias artísticas

[28/07/2014] O Centro Coreográfico Galego da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluirá este ano no seu Programa de Residencias Artísticas as obras ‘Hibridology’, ‘Trump!’ e ‘Solipismo’, títulos que foron seleccionados a través dunha convocatoria pública para realizar parte do seu proceso de desenvolvemento no marco desta iniciativa de apoio aos creadores.

A finalidade desta iniciativa é a de lles achegar aos artistas individuais ou colectivos un espazo para o desenvolvemento dos seus proxectos de investigación, experimentación, creación e produción. Ademais de contar coas instalacións facilitadas pola compañía pública de danza, os proxectos escollidos disporán de apoio loxístico e de asesoramento tanto a nivel artístico como en relación cos procesos de montaxe e distribución. O apoio contempla tamén a presentación e/ou exhibición no Centro Coreográfico Galego do resultado final das residencias.

Para a elección dos proxectos tívose en conta o seu carácter innovador, a súa incidencia na creación de redes de colaboración interdisciplinaria e a súa capacidade de achegamento á cidadanía mediante estratexias de participación e creación de públicos. Tamén se valorou a traxectoria e as actividades previas desenvolvidas polos solicitantes, así como a calidade, coherencia e viabilidade das iniciativas presentadas de acordo co seu calendario de execución e o equipo humano implicado.

Temáticas diversas
‘Hibridology’ é un proxecto presentado por Martina Martínez Barjacoba e Ares D’Angelo en colaboración co Teatro Ensalle de Vigo, co Centro Coreográfico de La Gomera e con varias entidades internacionais, entre elas o Laboratorio de Artes Contemporáneas de Bruxelas. A través deste título poderase levar a cabo a coordinación de residencias artísticas entre España, Italia e Bélxica, tanto para a investigación desta peza concreta como para establecer redes de contacto e de traballo entre os tres países participantes.

‘Trump!’, proposta de Cristina Collazo Gómez, diríxese a crear un espectáculo para todos os públicos que sensibilice os máis pequenos no mundo da danza, da música e do teatro. Ademais, busca salvar diferenzas visuais e auditivas, creando unha expresión corporal definida e unha sonoridade que harmonice coa totalidade da obra.

Pola súa banda, ‘Solipismo’, de José Ángel Ríos Casás, é unha peza de 20 minutos con música de piano en directo, que propón un proceso continuado de traballo no Centro Coreográfico Galego durante 3 meses.

Resolución publicada no web do CCG

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais