AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



IMPARTIDOS POR ALEXIS FERNÁNDEZ, BÁRBARA MONTEAGUDO, KIRENIA MARTÍNEZ E ARMANDO MARTÉN, CHRISTELLE HORNA E JUAN MIGUEL HERNÁNDEZ

O programa formativo do CCG amplíase este outono con cinco obradoiros gratuítos de danza clásica e contemporánea

[17/09/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía este outono a oferta formativa que desenvolve a través do Centro Coreográfico Galego (CCG) con cinco novos obradoiros dirixidos tanto a estudantes como a profesionais da danza e das artes do movemento.

Bárbara Monteagudo (na imaxe), Alexis Fernández da compañía La Macana, Kirenia Martínez e Armando Martén de Entremáns, Christelle Horna e Juan Miguel Hernández serán os encargados de impartir estes talleres de danza clásica e contemporánea, que terán lugar na sede coruñesa do CCG en diferentes datas do último trimestre do ano.

A unidade de produción coreográfica da Xunta de Galicia organiza estes cinco encontros gratuítos, para os que acaba de abrir o período de inscrición, como complemento ao seu plan formativo 2014, no marco do que o pasado mes de xullo se contou coa presenza na Coruña e Vigo de profesionais da traxectoria de Eva Perez Atienza, Virginia Valero e Ángel Rodríguez.

Dentro deste mesmo programa, durante a primeira semana de decembro levarase a cabo o taller ‘Danza clásica e técnica de puntas’ da man de Lázaro Carreño, quen durante tres décadas percorreu todo o mundo como primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba. O mestre cubano compartirá os seus coñecementos cos alumnos do Centro Coreográfico Galego, como xa o fixo anteriormente no American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres e a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras institucións.

Prazas limitadas
Para cada un dos cinco novos talleres convocados, o CCG establece un límite máximo de 20 prazas, que serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición. Na web www.centrocoreografico.org está dispoñible, ademais, toda a información sobre proceso de matrícula, así como sobre as datas e horarios de celebración.

Os tres obradoiros de danza contemporánea programados para este outono serán impartidos por Alexis Fernández do 6 ao 17 de outubro, por Bárbara Monteagudo do 20 ao 31 de outubro e por Kirenia Martínez e Armando Martén do 3 ao 14 de novembro. Nos tres casos, o horario é de 10.00 a 13.00 horas, de luns a venres.

Pola súa banda, Christelle Horna conducirá as clases de repertorio clásico e neoclásico que se celebrarán no Centro Coreográfico do 15 de novembro ao 15 de decembro, tamén de luns a venres, mentres que Juan Miguel Hernández ofrecerá o taller de repertorio de danza clásica que terá lugar todos os sábados entre o 4 de outubro e o 20 de decembro. En ambos os casos o horario é de 10.00 a 14.00 horas.

Estas cinco novas citas insírense na liña de traballo que o CCG vén desenvolvendo no ámbito da formación continua e da creación de públicos. Neste terreo enmárcanse tamén iniciativas como as recentes postas en escena de ‘A bela adormecida’ e o ‘Quebranoces’ xunto a conservatorios e escolas de danza de toda Galicia, ou as clases abertas na súa sede, entre outras.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais