AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DESDE MAÑÁ E ATA O SÁBADO, NA SEDE DO CCG

O Centro Coreográfico Galego recibe a mestra norteamericana Catherine Turocy para impartir un curso de danza barroca

[08/04/2015] O Centro Coreográfico Galego (CCG) recibe mañá na súa sede da Coruña a mestra estadounidense Catherine Turocy para impartir un curso intensivo de tres días sobre danza barroca, que abordará tanto desde a súa perspectiva dramática como coreográfica. Un total de 16 alumnos, entre os que se atopan profesionais da danza, do teatro e do ensino, inscribíronse neste encontro coa especialista norteamericana, recoñecida internacionalmente polo seu labor de recuperación e difusión deste xénero.

Turocy centrará o inicio das súas tres sesións na Coruña en diferentes aspectos da técnica da danza barroca, facendo fincapé en cuestións específicas como o "terre a terre". As clases continuarán cun percorrido polos diferentes estilos historicamente asociados a esta arte coreográfica (nobre, renacentista, grotesco, pantomima...), deténdose tamén no uso das máscaras, a xestualidade ou a teatralidade, entre outros aspectos.

Impulsora da Society for Dance History Scholars, a mediados dos anos setenta Catherine Turocy fundou xunto a Ann Jacoby a New York Baroque Dance Company, dedicada en exclusiva á difusión e posta en escena de espectáculos deste xénero. Como especialista nesta materia, ten ofrecido relatorios en prestixiosas academias de danza de todo o mundo, ademais de contar con artigos publicados en destacados manuais de historia da danza.

Encontros con Ana Abad Carles e Lázaro Carreño
O encontro forma parte do programa formativo que a unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver durante 2015 e dentro do que tamén se insire o curso de investigación da danza que conducirá do 20 ao 24 de abril a profesora Ana Abad Carles, autora de ‘Historia del ballet y de la danza moderna’ e dunha tese doutoral sobre a contribución da muller ao desenvolvemento do ballet. O prazo de inscrición para esta cita permanecerá aberto ata o vindeiro día 15.

Ademais, o Centro Coreográfico Galego acaba de abrir o período de solicitude para un novo encontro arredor da técnica clásica con Lázaro Carreño. Tras a gran demanda dos seus dous obradoiros anteriores na Coruña, o mestre cubano regresará en maio á sede do CCG para ofrecer un curso dun mes dirixido especificamente a profesores e estudantes de nivel medio e avanzado.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais