AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



MAÑÁ XOVES 16, DE 18.30 A 20.30 HORAS

O Centro Coreográfico acolle un encontro con Proyecto Titoyaya dentro da programación expandida de TRC Danza

[15/04/2015] O Centro Coreográfico Galego (CCG) recibirá mañá xoves na súa sede da Coruña a compañía valenciana Proyecto Titoyaya para unha sesión teórico-práctica aberta a estudantes, profesionais do sector e público xeral. O encontro, que terá lugar de 18.30 a 20.30 horas, forma parte da programación expandida do ciclo TRC Danza, que o Concello da Coruña desenvolve a través do Teatro Rosalía de Castro e que conta tamén coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

A directora executiva da compañía, Verónica García, e o elenco do seu espectáculo ‘La metamorfosis’, que poderá verse no Rosalía este venres 17, ás 20.30 h, ofrecerán na sala de ensaios do CCG un percorrido pola traxectoria e as claves que caracterizan a linguaxe da compañía, ademais de afondar no seu proceso de traballo a través da experimentación directa cos asistentes.

Diferentes grupos da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso e da Universidade Sénior da Coruña teñen confirmada xa a súa participación neste encontro, onde serán recibidos pola directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, e polas coordinadoras desta programación expandida, Natalia Balseiro, Claudia Delso e Caterina Varela.

Verónica García fundou Proxecto Titoyaya en 2006 xunto a Gustavo Ramírez, coreógrafo de referencia internacional que acaba de ser nomeado director da Compañía Nacional de Gales. É, así mesmo, o creador da versión coreográfica da obra de Kafka coa que a formación valenciana se presenta na Coruña e que foi seleccionada pola Red Nacional de Teatros, Auditorios e Circuitos de Titularidad Pública como peza recomendada polo circuíto Danza a Escena.

Plan formativo
Con esta acción, o Centro Coreográfico Galego colabora nunha nova edición desta iniciativa, impulsada no marco do ciclo TRC Danza e que está a posibilitar o intercambio de experiencias con destacados creadores de todo o mundo coincidindo coa actuación das súas respectivas compañías na cidade. Esta acción súmase, ademais, ao programa de obradoiros que a unidade de danza da Xunta de Galicia está a organizar durante este primeiro semestre do ano con mestres como Ana Serantes García, Catherine Turocy, Ana Abad Carles e Lázaro Carreño.

No marco deste mesmo plan formativo, hoxe finaliza o período de inscrición para o seminario sobre investigación na danza que a profesora Abad Carles impartirá a semana que vén na sede do CCG, ao tempo que se mantén aberto o prazo de solicitude para o novo encontro que o mestre cubano Lázaro Carreño protagonizará durante o vindeiro mes de maio.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais