AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DANZA BHARATANATYAM NA SEDE DO CCG NA CORUÑA DO 4 AO 7 DE XUÑO

O CCG e a ONG Implicadas no Desenvolvemento organizan un curso co bailarín indio Aniruddhan Vasudevan

[02/06/2015] O bailarín de Chennai (India) Aniruddhan Vasudevan ofrecerá do 4 ao 7 de xuño na Coruña un curso de Bharatanatyam, danza clásica do sur da India, que impartirá na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) como parte da súa visita a Galicia convidado pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. O obradoiro completarase co espectáculo que o intérprete támil ofrecerá o domingo, ás 20.00 horas, no Centro Ágora e durante o que compartirá escenario co seu alumnado para exhibir a peza creada durante estes catro días de traballo conxunto.

A unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora nesta actividade de Implicadas no Desenvolvemento, que se insire así mesmo no proxecto Reactiv_Arte, unha iniciativa que ten como eixo vertebrador o fomento e o intercambio cultural como xeito de atallar as raíces da pobreza. Neste ámbito, e máis alá do impacto mediático do traballo con artistas, a ONG busca tamén impulsar o potencial da arte e da cultura como xeradoras de cambios sociais.

No marco deste programa e durante a súa estadía en Galicia, o bailarín, escritor, tradutor e activista Aniruddhan Vasudevan protagonizará ademais varias charlas e encontros sobre a cooperación ao desenvolvemento, os dereitos humanos e o movemento LGBT en defensa dos dereitos dos homosexuais, bisexuais e transexuais.

Matrícula e venda de entradas
No Centro Coreográfico Galego, o artista támil achegaralles aos participantes as principais claves técnicas e coreográficas da danza Bharatanatyam, na que comezou a formarse a finais dos oitenta chegando a ser alumno do lendario mestre e intérprete Chitra Visweswaran. No web www.centrocoreografico.org está dispoñible para a súa descarga o formulario de inscrición, así como as instrucións para a matrícula nestas clases, que se impartirán en horario de mañá (de 10.00 a 12.00 horas). Tamén están á venda os billetes para o espectáculo deste domingo a través do web www.ataquilla.com, do teléfono 902 504 500 ou das billeteiras da praza de Ourense e da Sede Afundación, nos seus horarios habituais. No despacho de billetes do Centro Ágora, poderán adquirirse o día da función desde as 19.00 horas.

Aniruddhan Vasudevan, quen actualmente realiza un doutoramento en Antropoloxía na Universidade de Texas-Austin, ten traballado con compañías de danza como a Dakshina-Daniel Phoenix Singh Dance Company de Washington, Kuchipudi Kalanidi de Maryland, Courtyard Dancers de Philadelphia ou a Shree School of Dance de Lexington. Nesta última escola, colaborou con Lakshmi Sriraman para crear ‘And She Said…’ (‘E ela dixo…’), unha obra baseada na poesía támil de mulleres sobre amor e guerra. Tamén ten impartido cursos no Barnard College da Universidade de Columbia, en Nova York, canda o coñecido estudoso da danza Uttara Coorlawala.

O seu traballo interpretativo adoita identificarse co ‘Brihannala’, un rol tirado da épica hindú que combina movemento, contacontos, recital e interpretación teatral, e que á vez abrangue unha reflexión sobre a mitoloxía, o xénero, o travestismo e o desexo.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais