AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PRAZO DE INSCRICIÓN MANTENSE ABERTO ATA O 2 DE OUTUBRO

O Centro Coreográfico organiza un curso de metodoloxía da danza clásica con mestre Gonzalo Zaragoza

[24/09/2015] O mestre Gonzalo Zaragoza regresará ao Centro Coreográfico Galego o vindeiro mes para impartir un curso de metodoloxía da danza clásica que terá lugar do 10 ao 12 de outubro. Os participantes terán así a oportunidade de afondar nos distintos métodos de aprendizaxe desta disciplina co xefe de estudos do Conservatorio Superior de Danza de Madrid 'María de Ávila', quen xa visitou a sede coruñesa da unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o pasado mes de xullo para conducir outro encontro sobre técnica clásica.

As persoas interesadas en participar neste novo obradoiro, pensado para profesionais, docentes e estudantes de danza clásica, teñen de prazo ata o 2 de outubro para formalizar a súa solicitude seguindo as instrucións que se especifican no apartado de cursos deste web.

Traxectoria
Desde o curso 2006-07, Gonzalo Zaragoza exerce como xefe de estudos do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Ávila’, onde tamén imparte Técnica Clásica e Metodoloxía Didáctica da Danza Clásica. Xunto coa súa experiencia docente, tanto no conservatorio superior madrileño como na escola de Carmen Roche e no Real Conservatorio Profesional de Danza ‘Mariemma’, fixo así mesmo carreira internacional como bailarín en Les Ballets de Monte Carlo ou no London City Ballet, entre outros. Con estas compañías interpretou, por exemplo, os ballets 'La fille mal Gardee', 'Coppelia', 'Gaite Parissiene' e 'Theme and Variations'. Ademais, en 1990 conseguiu a medalla de prata no concurso internacional de danza clásica Prix Carpeaux.

Esta nova cita insírese no programa formativo do Centro Coreográfico Galego para o curso 2015-16, que botou a andar este mesmo mes de setembro cos cursos de técnica de puntas con Cristina Gallardo, repertorio de Nacho Duato con Christelle Horna, técnica Contact Improvisación con Amaury Lebrun e danza moderna e contemporánea con Fernando Lázaro.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais