AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DESDE MAÑÁ E ATA O SÁBADO, ÁS 20.30 HORAS

O Centro Coreográfico pecha a xira de 2016 de 'As catro estacións' con tres funcións no Salón Teatro

[30/11/2016] O Salón Teatro acolle esta semana o remate da xira de 2016 de ‘As catro estacións’, espectáculo do Centro Coreográfico Galego (CCG) que ofrecerá as súas tres últimas funcións neste espazo compostelán mañá xoves 1, o venres 2 e o sábado 3 de decembro, ás 20.30 horas.

A través das coreografías creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall, esta produción propia da compañía pública achégalles aos espectadores a súa recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi. A responsable do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, coa que se busca continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.

Equipo artístico
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.

Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.

Estreado o pasado mes de setembro en A Coruña, Santiago será a última parada na xira de 2016 de ‘As catro estacións’, que tamén puido verse en Vigo, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Ourense, O Barco de Valdeorras e Pontevedra.

Venda de entradas
As entradas para as tres funcións no Salón Teatro poden adquirirse de xeito anticipado na billeteira electrónica entradas.abanca.com, así como fisicamente no despacho de billetes desde mañá e ata o sábado, a partir das 18.30 horas.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais