AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



20 ALUMNOS PARTICIPAN NO TALLER DE JANUSZ SUBICZ

O CCG organiza unha decena de obradoiros para profesionais da danza

[04/06/2007] Un total de vinte alumnos e alumnas participan dende hoxe no taller de improvisación e composición coreográfica que imparte na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG), na Coruña, o bailarín de orixe polaca Janusz Subicz, discípulo da mítica coreógrafa alemá Pina Baush. Esta iniciativa enmárcase no programa de actividades formativas do CCG dirixidas especialmente aos profesionais galegos da danza, que prevé a celebración doutros nove obradoiros até finais deste ano.

Esta é a primeira ocasión na que Subicz imparte os seus coñecementos e a súa técnica en Galiza. O taller abórdase como un traballo de improvisación que culminará nunha composición individual inspirada por un soporte musical. A idea básica é que da análise dos movementos, nos que se inclúen os xestos da infancia e da vida cotiá, xorda a emoción e a fantasía. A utilización dun soporte musical dará pé a unha interpretación específica que enriquecerá a creatividade de cada persoa.

Os participantes neste obradoiro, para o que se cubriron todas as prazas dispoñíbeis, proceden de diferentes puntos de Galiza, así como de Aragón, Asturias, Cataluña e Comunidade Valenciana. O curso desenvolverase durante dúas semanas, dende hoxe e até o día 8 e do 11 ao 15 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Janusz Subicz (Varsovia, 1951) estudou 9 anos na Escola Nacional de Ballet da súa cidade natal. Traballou como bailarín na Ópera de Marsella, no Ballet Teatro Contemporáneo de Angers, na Nurkil Dance Company con técnica de Martha Graham, con Peter Gross en París, con Yuriko en EE.UU., con Betty Jones e Fitz Luden, e na compañía de Tyla Tarpp de Nova York. É bailarín da compañía de danza-teatro de Pina Baush, con sede en Wuppertal (Alemaña) dende 1979.

OUTROS CURSOS

O Centro Coreográfico colaborará, ademais, co Teatro Galán de Santiago na celebración do Curso Charter Feeler no que Akemi Takeya –artista multidisciplinar que actualmente reside e traballa en Viena– desenvolverá cos alumnos un traballo de corpo e voz que partirá da relación entre a "técnica da respiración embrionaria" e as facultades perceptivas atrofiadas na sociedade actual. Este obradoiro terá lugar do 26 ao 29 de xuño.

O programa formativo para profesionais continuará en xullo co Curso de Produción que ofrecerá Montserrat Prat Bruxola, do Institut del Teatre de Barcelona, entre os días 9 e 13 na Fundación Luís Seoane da Coruña, e co Taller de Metodoloxía da Ensinanza para Profesores de Danza e as clases de Danza Clásica Académica a cargo de Martim Padrom, director do Centro Coreográfico da Gomera, do 16 ao 21 na sede do CCG.

Completan esta relación os obradoiros que impartirán Iñaki Azpillaga ("Movemento físico e a súa aplicación á escena", do 10 ao 14 de setembro), Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero ("Ritmo e percusión orientados a bailaríns e coreógrafos" os días 8 e 9 de outubro, e "Composición musical para coreógrafos e bailaríns" o 26 e 27 de novembro), Vicente Colomer e Jaime Díaz ("Danza con Nova Galega de Danza, na procura dunha linguaxe propia", do 22 ao 26 de outubro) e Carmen Werner de Provisional Danza (do 19 ao 22 de novembro). Este último taller celebrarase no Teatro Ensalle de Vigo, mentres que os anteriores levaranse a cabo na sede do CCG na cidade da Coruña.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais