AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PRAZO DE SOLICITUDE ESTÁ ABERTO ATA O 17 DE OUTUBRO

Convocado o programa de coproducións 2017-2018 para a selección de tres proxectos de danza

[01/10/2017] O Centro Coreográfico Galego (CCG) acaba de poñer en marcha o seu novo programa de coproducións 2017-2018 coa convocatoria para a selección dos tres proxectos de danza que recibirán apoio a través desta iniciativa. O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 17 de outubro.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) destinará un máximo de 20.000 euros a cada unha das propostas elixidas neste proceso, dirixido a creadores/as e compañías privadas de danza carácter profesional que propoñan proxectos orixinais e inéditos. A convocatoria establece que esta achega non poderá superar o 80% do orzamento total do proxecto, ao tempo que sinala que o CCG cederá a sala de ensaios da súa sede da Coruña para o desenvolvemento destes traballos.

Criterios de valoración
Un comité integrado por cinco persoas de recoñecido prestixio neste ámbito artístico e presidido pola directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, será o encargado de valorar as solicitudes presentadas. Con tal fin, analizará e puntuará criterios que teñen que ver coa calidade e interese do proxecto artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas, a achega á renovación das artes escénicas galegas e os apoios doutras estruturas no proceso de produción e no seu financiamento.

As propostas deberán enviarse ao rexistro oficial da Agadic seguindo as instrucións especificadas na convocatoria, que pode consultarse nos webs www.agadic.gal e www.centrocoreografico.gal.

Entre a documentación que se solicita, debe achegarse unha memoria explicativa do proxecto, onde figure ademais a data e o espazo previstos para a estrea do espectáculo; o seu orzamento pormenorizado e a traxectoria da entidade xunto cos currículos dos integrantes do proxecto.

Nas anteriores temporadas, o Centro Coreográfico Galego coproduciu os espectáculos Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte. Esta nova convocatoria súmase a outras iniciativas de coprodución e/ou residencia que contan co apoio da Agadic no ámbito da danza, como as Residencias Paraíso, promovidas polo colectivo RPM en cinco concellos (A Coruña, Narón, Carballo, Lugo e Ourense), ou proxecto .EXE do Teatro Ensalle de Vigo.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais