AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



Mercedes Suárez deixa o seu cargo á fronte do Centro Coreográfico Galego

[15/10/2019] A coordinadora do Departamento de Produción Coreográfica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Mercedes Suárez, cesa hoxe no seu posto, que implicaba a dirección do Centro Coreográfico Galego, para iniciar unha nova etapa profesional.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, será o encargado de asumir as súas funcións ata o momento no que se incorpore a persoa responsable do departamento da Axencia con competencias no ámbito da danza. Para a provisión desta praza, convocarase proximamente un procedemento público de selección.

A Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia Galega das Industrias Culturais agradécenlle a Mercedes Suárez o labor desenvolvido á fronte do Centro Coreográfico Galego e deséxanlle o mellor nos seus proxectos futuros.

A coreógrafa incorporouse a este posto en 2010, tras dirixir para a compañía pública a montaxe Etheria, a viaxe soñada. Baixo a súa etapa, a unidade de danza da Xunta ten levado a escena espectáculos coreográficos como 3D3, Aínda, Full House ou As catro estacións, con coreografías de recoñecidos creadores como Nacho Duato, Tony Fabre, Ángel Rodríguez, Amaury Lebrun, Johan Inger, Keneth Tindall ou Iker Gómez. Ademais de manter o seu programa de coproducións con compañías galegas, o Centro Coreográfico Galego intensificou nestes anos a súa colaboración coas escolas e conservatorios de danza galegos en producións como Quebranoces ou A bela adormecida. Sistematizouse, así mesmo, o seu traballo formativo para estudantes e profesionais a través fundamentalmente do programa de cursos de verán.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais