AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



IMPARTE CLASES DE DANZA CLÁSICA ACADÉMICA E UN OBRADOIRO DE METODOLOXÍA DA ENSINANZA

Un total de 16 alumnos asiste aos dous cursos de Martim Padrom no CCG

[16/07/2007] Un total de 16 alumnos e alumnas participa dende esta mañá nas clases de Danza Clásica Académica e no obradoiro de Metodoloxía da Ensinanza para Profesores de Danza que imparte na Coruña Martim Padrom, director do Centro Coreográfico da Gomera, dentro do programa de actividades formativas para profesionais da danza que desenvolve o Centro Corográfico Galego (CCG).

Para as clases de danza, Martim Padrom, director do Centro Coreográfico da Gomera, propón un traballo coa conciencia corporal no plano horizontal á procura da calma na pel, músculos, órganos e osos co fin de contrastar este estado co sosterse no plano vertical que demanda a danza clásica académica como disciplina.

FERRAMENTAS PEDAGÓXICAS

Canto ao taller de Metodoloxía da Ensinanza para Profesores de Danza, Padrom propón unha serie de ferramentas pedagóxicas encamiñadas a que os alumnos asimilen baixo un punto de vista mecánico, sensorial e intelectual as raíces dos movementos codificados da linguaxe coreográfica clásica ou moderna.

Ambos os dous cursos desenvólvense na sede do Centro Coreográfico Galego, no Complexo Deportivo de Elviña da Coruña, até o día 21 en horario de mañá: de 9.30 a 11.30 horas as clases de danza clásica, nas que hai 7 matriculados; e de 12.30 a 15.30 horas o taller de metodoloxía, no que participan 9 profesores de danza.

Formado na Escola de Ballet de Flandres (Bélxica), Martim Padrom realiza a súa carreira internacional como bailarín en compañías clásicas e contemporáneas. Crea a súa compañía en París (1993-2000) e desenvolve paralelamente a súa formación e reflexión no campo da pedagoxía como profesor na Facultade de Belas Artes de Altea (Alacante) e como instrutor de mestres de distintos conservatorios españois. Na actualidade compaxina o seu labor como director do Centro Coreográfico da Gomera coa dirección da Escola Municipal de Danza de San Sebastián da Gomera.

O CCG continuará o seu programa formativo en setembro cun obradoiro sobre movemento físico e a súa aplicación á escena, que impartirá entre os días 10 e 14 o bailarín e coreógrafo vasco Iñaki Azpillaga. O prazo de inscrición para participar neste curso estará aberto durante todo o mes de agosto. O prezo da matrícula é de 80 euros.

Baseado no traballo que Azpillaga desenvolve en Bruxelas coa compañía de Win Vandekeybus, este taller está orientado a preparar aos participantes para as esixencias físicas da danza contemporánea, experimentando coa técnica, a improvisación e as ideas coreográficas e afondando na relación do movemento co chan e a confrontación entre os intérpretes.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais