AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



OPTAN A 10 PRAZAS PARA A TEMPORADA ARTÍSTICA 2007-2008

Máis dun centenar de bailaríns/as participan na audición do CCG

[20/08/2007] Máis dun centenar de bailaríns e bailarinas chegados de diferentes países de Europa e América participan dende esta mañá na audición pública que o Centro Coreográfico Galego (CCG) está a desenvolver na sede do INEF Galicia, no concello coruñés de Oleiros. Os aspirantes optan ás 10 prazas convocadas co obxectivo de configurar o corpo de baile da unidade de danza do IGAEM para a temporada artística 2007-2008.

Estas probas terán lugar até o vindeiro venres día 24, en horario de 10.00 a 13.00 e de 15.00 a 20.00 horas. Ao finalizar cada xornada, o tribunal –integrado por Natalia Balseiro, coordinadora do Centro Coreográfico Galego, como presidenta; e por Roberto Oliván e Maruxa Salas, bailaríns e coreógrafos, e Bárbara Piñeiro, representante da Asociación Galega de Profesionais da Danza, como vogais– dará a coñecer o nome dos candidatos que superaron os exercicios propostos para cada un dos días e que, polo tanto, continúan adiante no proceso de selección.

Trala convocatoria desta audición o pasado mes de maio, o CCG recibiu máis de 160 solicitudes de participación procedentes de diferentes puntos de Galiza e España, así como de numerosos países de Europa (Alemaña, Bélxica, Chipre, Francia, Grecia, Italia, Portugal e Reino Unido, entre outros) e América (Costa Rica e Arxentina).

Os bailaríns e bailarinas seleccionados traballarán na vindeira produción propia do Centro Coreográfico Galego, trala excelente acollida da súa peza inaugural –Vacuo, dirixida por Maruxa Salas– coa que ofreceu máis de 30 funcións dende a súa estrea en xaneiro e que serviu, así mesmo, de carta de presentación do CCG en destacados encontros coreográficos como o Mov-s de Barcelona ou Dansa València.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais