AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ESTREARÁ 'KIOSCO DAS ALMAS PERDIDAS', CON DIRECCIÓN DE ROBERTO OLIVÁN E MÚSICA DE MERCEDES PEÓN, A FINAIS DE FEBREIRO NA CORUÑA

O Centro Coreográfico Galego consolídase na temporada 07-08 cun novo espectáculo, tres coproducións e un amplo programa formativo

[21/11/2007] O Centro Coreográfico Galego (CCG) enfronta a súa temporada 2007-2008 co obxectivo de consolidar o seu labor a prol do desenvolvemento da danza en Galiza a través dun amplo programa de creación, produción, investigación e formación que foi presentado este mediodía na Coruña pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Neste segundo período de actividade, a unidade de danza creada en 2006 no seo do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) estreará unha produción e tres coproducións, ademais de acoller diferentes artistas en residencia e de potenciar un programa formativo transversal ao resto da programación e dirixido tanto aos profesionais como a públicos de diferentes idades.

O acto de presentación da nova temporada –que tamén contou coa participación do xerente do IGAEM, Miguel Martín, e da coordinadora do CCG, Natalia Balseiro– consistiu nunha videoinstalación a través dunha decena de monitores no Kiosko Alfonso da Coruña, que permanecerá aberta ao público durante toda a xornada de hoxe. Na devandita videoinstalación queda reflectida, asemade, a implicación nas diferentes actividades de destacados nomes procedentes de varias disciplinas artísticas, como Roberto Oliván, Mercedes Peón, Daniel Abreu e Paulo Ribeiro, entre outros.

Estrea na Coruña

Kiosco das almas perdidas é o título da nova produción do Centro Coreográfico, unha peza dirixida polo coreógrafo tarraconense Roberto Oliván e con música da galega Mercedes Peón na que convivirán diferentes disciplinas artísticas. Tras unha residencia técnica en Laboral Escena (Xixón), a peza estrearase o 29 de febreiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e iniciará despois unha xira que inclúe a súa presentación no Teatro Central de Sevilla, espazo referente para a programación das compañía internacionais de danza.

Os doce bailaríns e bailarinas seleccionados nas audicións celebradas na Coruña e en Barcelona conforman o elenco deste novo espectáculo, para o que Roberto Oliván contará igualmente coas achegas doutros profesionais galegos: Ruth D. Pereira, a cargo do vestiario; Baltasar Patiño, do deseño da iluminación; e o Mago Antón, como asesor de maxia.

Arredor desta produción desenvolverase unha intensa actividade formativa, que contempla a celebración de aulas abertas cos bailaríns de Kiosco das almas perdidas, así como de obradoiros para o público xeral en cada un dos lugares onde a peza sexa representada (en colaboración coa Asociación de Profesionais da Danza Escénica Galega) e de talleres dirixidos a diferentes colectivos e a profesionais da danza que impartirán os membros do equipo artístico.

Este programa de actividades, que se estenderá até xuño de 2008, inclúe a coprodución doutras tres pezas coreográficas: Negro, montaxe para a que o coreógrafo canario Daniel Abreu contará cun equipo galego formado por tres bailaríns e unha fotógrafa; Tradicción, espectáculo no que a compañía coruñesa Nova Galega de Danza volverá indagar nas raíces da nosa cultura na procura da contemporaneidade; e Femenine, creación do portugués Paulo Ribeiro, último coreógrafo da Fundación Gulbenkian.

Ademais da contribución económica, o Centro Coreográfico Galego acompaña os espectáculos no proceso de preprodución, planificación e creación, apoiando cada proxecto segundo as súas necesidades.

Público, mediadores culturais e profesionais

Ao tempo, o CCG potenciará a súa función formativa coa organización de numerosos talleres por toda Galiza, en colaboración con conservatorios, escolas de danza, asociacións profesionais, salas privadas, etc. Este plano formativo estará dirixido tanto ao público xeral como aos mediadores culturais (profesores, programadores, animadores culturais ou familias con persoas con necesidades educativas especiais) e aos profesionais da danza.

O Centro prestará unha especial atención aos escolares de diferentes idades, achegándolles a danza a través de unidades didácticas coreográficas e musicais que impartirá o persoal do CCG, ademais dun concerto didáctico sobre música tradicional galega. Canto ao programa dirixido aos mediadores culturais, celebrarase un Taller do espectador a cargo de Mehdí Idir, Toni Jodar explicará A danza en 50’ e o centro O Pelouro traballará o desenvolvemento saudábel e terapéutico a través da psicodanza. Por último, os profesionais galegos da danza poderán asistir aos cursos que impartirán profesionais de recoñecida traxectoria internacional como Paulo Ribeiro, Christiane Marchant, Àngels Margarit, Ester Carrasco ou Lipi Hernández.

Nesta nova temporada, o CCG tamén intensificará o seu programa de artistas en residencia, a través do que apoia a investigación, a experimentación e a creación tanto no ámbito da danza como doutras disciplinas que traballan coas artes do movemento como referencia. O Centro apoiará un total de oito proxectos, que contarán cunha dotación económica de entre 1.000 e 3.000 euros, un espazo de traballo durante cinco semanas e a posibilidade de representación da proposta resultante, entre outros servizos. Actualmente, este espazo está ocupado polos artistas galegos Henrique Peón, Mercé de Rande e Uxía P. Vaello.

Colección Bitácora

Así mesmo, o Centro Coreográfico Galego coedita co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a colección Bitácora, que recollen bosquexos, notas e outros documentos relacionados co proceso de creación e produción das súas pezas coreográficas.

Para todas as súas actividades, sexan de produción ou de formación, o CCG conta coa colaboración de diferentes espazos, colectivos, eventos e institucións, como a Sala Galán de Compostela, os conservatorios de danza galegos, os INEF de Pontevedra e da Coruña, a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), o Certame Coreográfico de Madrid, o Mercat de les Flors de Barcelona, e os concellos da Coruña e de Oleiros, entre outros.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais