AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ONCE BAILARÍNS E BAILARINAS POÑEN EN ESCENA ESTE TRABALLO INTERDISCIPLINAR, QUE MESTURA DANZA, ILUSIONISMO, TEATRO, MÚSICA EN DIRECTO, VÍDEO E ANIMACIÓN

O CCG estrea na Coruña 'Kiosco das almas perdidas' de Roberto Oliván e con música de Mercedes Peón

[26/02/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) estrea o vindeiro venres 29 de febreiro ás 21.30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a súa produción Kiosco das almas perdidas, unha montaxe dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván con música en directo de Mercedes Peón. A peza permanecerá no teatro coruñés o sábado 1 e o domingo 2 de marzo. Despois emprenderá unha xira por toda a xeografía galega e por espazos das artes escénicas tan relevantes coma o Teatro Central de Sevilla, Laboral Escena de Xixón ou o Mercat de les Flors de Barcelona, dentro da programación do Festival Grec.

Con esta montaxe o Centro Coreográfico Galego busca a captación de novos espectadores para a danza, a través de novas linguaxes escénicas, que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo. Kiosco das almas perdidas é froito da residencia de Roberto Oliván durante tres meses en Galicia, e está coproducido por Laboral Escena de Xixón.

A presentación do espectáculo tivo lugar esta mañá a cargo da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; Roberto Oliván, director do espectáculo; e Mercedes Peón autora e intérprete da música, nun acto especial que se desenvolveu nos exteriores da Torre de Hércules, e no que estiveron tamén Miguel Martín, xerente do IGAEM e Natalia Balseiro, coordinadora do CCG. O acto contou coa interpretación musical en directo a cargo Mercedes Peón e Xosé Lois Romero, e a actuación do elenco de Kiosco das almas perdidas. Con este xesto, o Centro Coreográfico Galego quixo amosar o seu apoio á candidatura deste monumento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O proceso creativo

Este traballo é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. Kiosco das almas perdidas está inspirado nun lugar da cidade de Vigo, un punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter que se atopan no abrente do día.

Para levar a cabo este proxecto Roberto Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico enriqueceu ao máximo a proposta. Unha proposta que conta con profesionais como Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Felix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación.

Sobre o escenario once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. Roberto Oliván propón ao espectador a busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha proposta escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.

O director

Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker, Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson.

Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. É tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa dende o 2004. Este taller celébrase anualmente no mes de xullo e nel participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.

Con Kiosco das almas perdidas o Centro Coreográfico Galego pretende apoiar aos novos creadores e abrir fronteiras, potenciando así o intercambio entre profesionais da danza, ofrecéndolle aos artistas a posibilidade de achegarse a outros xeitos de entender a arte e de enfrontar o proceso creativo.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais