AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DIRIXIDA POR ROBERTO OLIVÁN E CON MÚSICA DE MERCEDES PEÓN, A PEZA ESCENIFÍCASE O VENRES 14 NO PAZO DA CULTURA PONTEVEDRÉS E O SÁBADO 15 NO AUDITORIO DE VILAGARCÍA

O Centro Coreográfico Galego presenta en Pontevedra 'Kiosco das almas perdidas'

[12/03/2008] A nova produción do Centro Coreográfico Galego, Kiosco das almas perdidas, continúa a súa xira en Pontevedra, onde será representada no Pazo da Cultura da cidade o vindeiro venres 14 de marzo, ás 21.00 h, e o sábado 15, no Auditorio de Vilagarcía á mesma hora. Dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván e con música en directo de Mercedes Peón, a peza exhibirase até o mes de xullo en diferentes escenarios galegos e en espazos escénicos tan relevantes coma o Teatro Central de Sevilla, Laboral Escena de Xixón ou o Mercat de les Flors de Barcelona, dentro do Festival Grec.

Con esta montaxe, estreada o pasado 29 de febreiro na Coruña, o Centro Coreográfico Galego busca a captación de novos espectadores para a danza, a través de novas linguaxes escénicas, que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo. Kiosco das almas perdidas é froito da residencia de Roberto Oliván durante tres meses en Galicia, e está coproducido por Laboral Escena de Xixón.

O proceso creativo

Este traballo é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. Kiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter que se atopan no abrente do día.

Para levar a cabo este proxecto Roberto Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico enriqueceu ao máximo a proposta. Unha proposta que conta con profesionais como Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Felix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación.
Sobre o escenario once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. Roberto Oliván propón ao espectador a busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha proposta escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.

O director

Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker , Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson.

Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. É tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa dende o 2004. Este taller celébrase anualmente no mes de xullo e nel participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.

Con Kiosco das almas perdidas o Centro Coreográfico Galego pretende apoiar aos novos creadores e abrir fronteiras, potenciando así o intercambio entre profesionais da danza, ofrecéndolle aos artistas a posibilidade de achegarse a outros xeitos de entender a arte e de enfrontar o proceso creativo.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais