AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



TRÁTASE DUNHA PUBLICACIÓN EMINENTEMENTE GRÁFICA, QUE CONTÉN ANOTACIÓNS MANUSCRITAS DE MARUXA SALAS E IMAXES CLAVE DA PREPARACIÓN DO ESPECTÁCULO

O CCG inaugura a colección "Bitácora" co caderno de dirección de "Vacuo"

[23/04/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) publicou o primeiro número da colección Bitácora, un proxecto editorial no que pretende plasmar os procesos de produción dos seus espectáculos. A primeira entrega desta nova serie leva por título Vacuo e fai referencia á que fora montaxe inaugural do CCG en 2007. A modo dun caderno de dirección, recóllese material, eminentemente gráfico, ao través do que se poden seguir os momentos clave do deseño e dos ensaios da peza.

O libro reproduce, entre outras informacións, anotacións manuscritas da directora de Vacuo, Maruxa Salas, nas que realiza bosquexos da evolución das figuras coreográficas elaboradas ou esquemas sobre a utilización dos elementos escénicos. Salas, que participou activamente na selección da documentación que contén a publicación, amosa tamén as súas notas sobre o guión do espectáculo e apuntamentos para os movementos dos bailaríns.

A colección, que está ideada como testemuña tanxible dos traballos previos á estrea da peza, nace para ter unha periodicidade anual –coincidindo con cada espectáculo de produción propia do Centro Coreográfico– e co ánimo de chegar tanto ao público xeral como ao implicado dalgún xeito no mundo da danza.

Este primeiro número consta de máis de 20 páxinas cun deseño gráfico moi coidado e ocupadas principalmente por fotografías. Son imaxes de ensaios realizados na sede do CCG e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña pero, sobre todo, nos distintos lugares abertos nos que se desenvolveron accións de preparación ou de promoción do espectáculo: montes, canteiras, peiraos, mercados, zonas peonís, prazas e parques de distintas vilas e cidades galegas.

Preséntanse así mesmo apartados nos que se dá cabida ás achegas dos colaboradores artísticos que participaron na montaxe, como é o caso dos figurinos elaborados por Ruth Pereira, os debuxos para a escenografía de Baltasar Patiño ou os momentos do traballo conxunto co grupo Berrogüetto, encargado da composición musical.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais