AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



MÁIS DE 200 PERSOAS PARTICIPARÁN A PARTIR DO 15 DE XUÑO NESTE ENCONTRO INTERNACIONAL DE DANZA

Cultura e Mercat de les Flors organizan o Mov-s Galicia na illa de San Simón

[09/06/2008] A illa de San Simón, na ría de Vigo, concentrará gran parte do intenso programa do Mov-s Galicia 2008, que terá lugar do 15 ao 18 de xuño e ao que asistirán máis de 200 persoas. O Centro Coreográfico Galego (CCG) colabora co Mercat de les Flors de Barcelona na organización da segunda edición deste "espazo para o intercambio internacional da danza e as artes do movemento", que nesta ocasión ten como temática central as condicións para a creación coreográfica.

Este encontro foi presentado esta mañá na Casa das Campás pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora do Centro Coreográfico Galego; e o director do Mercat de les Flors de Cataluña, Cesc Casadesús.

Dúas mesas de debate, seis grupos de traballo, presentacións de proxectos, testemuños de artistas e a exhibición de 12 propostas dan forma ao Mov-s Galicia, que estenderá a súa actividade a varios espazos da cidade de Pontevedra. A través deste encontro, para o que se conta con relatores chegados de diferentes países (Bélxica, Brasil, España, Francia, Irlanda, Portugal e Suecia), búscase identificar as condicións óptimas para que o proceso de creación se inicie con garantías de calidade e innovación. Neste sentido, a primeira das mesas xirará arredor dos fundamentos que permiten definir este contexto favorable para o proceso creativo, dando pé a tres grupos de traballo sobre o entorno e o acompañamento artístico, o coñecemento e o intercambio con outras culturas, e as complicidades artísticas e o fenómeno de Flandres, todo un referente histórico internacional do que tirar ensinanzas para o conxunto da danza. Trala segunda das mesas, centrada nos instrumentos para estimular a creatividade coreográfica, celebraranse outras tres sesións de traballo sobre as políticas culturais, as estruturas facilitadoras da creatividade e a documentación e a memoria da danza.

Mostra de proxectos

Mov-s 2008 terá tamén un espazo adicado á presentación de actividades, programas, novas ideas, etc. das distintas organizacións, grupos artísticos e institucións participantes a través da mostra de proxectos. Así, os vigueses Roberto Taboada (festival ALT) e Pedro Fresneda (Sala Ensalle), a barcelonesa Montserrat Prat (Institut del Teatre) e a valenciana Mariví Martín (Festival VEO) moderarán un total de catro sesións que incluirán dez presentacións de 15 minutos de duración cada unha. Tamén se impulsará a realización de reunións paralelas de organizacións, redes ou proxectos na Illa de San Simón, entre as que destaca a cita de IDEE (Intiatives in Dance Through European Exchange).

Para facilitar o intercambio entre as compañías e outros axentes culturais habilitarase un espazo no que os artistas poidan ter un contacto directo e persoal cos visitantes profesionais. Neste espazo poderán deixar o seu material promocional e empregar equipamento audiovisual para dar a coñecer o seu traballo.

As propostas artísticas

No Mov-s Galicia 2008 darase a coñecer unha parte importante do panorama creativo galego contemporáneo. Esta programación estrutúrase en dous bloques, un primeiro no que se amosan espectáculos de sala xa estreados que se presentarán no Teatro Principal e no Pazo da Cultura de Pontevedra: A última produción do CCG Kiosco das almas perdidas dirixida por Roberto Oliván, 30.000, de Pisando Ovos e Cascuda, de Diego Anido. O segundo bloque fórmano unha serie de propostas abertas de creadores mozos galegos, que se presentarán nos exteriores e na capela de San Simón. Con esta programación o MOV-S propón un diálogo entre o creador e a propia illa con pezas concebidas especificamente para este espazo como Entre polvo y gusanos, de Marco Regueiro (cía. Lucier) ou Ecdisis-creación do CCG para o Movís dirixida por Erick Jiménez-, ou ben mediante a adaptación aos espazos da illa de traballos xa creados como Play da compañía Play & Rewind ou Hoxe na rúa... da coreógrafa Estela Lloves.

As propostas artísticas do Movís Galicia 08 pecharanse o martes 17 cun serán no que participarán as Pandereteiras de Toutón.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais