AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ANTES EXHIBIRASE EN XIXÓN ANTE OS PROGRAMADORES INTERNACIONAIS ASISTENTES AO ENCONTRO PROFESIONAL ORGANIZADO POLO INSTITUTO CERVANTES E LABORAL ESCENA

O Centro Coreográfico Galego presenta 'Kiosco das almas perdidas' no Festival Grec de Barcelona

[15/07/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) viaxa esta semana a Barcelona, cidade na que o sábado 19 e o domingo 20 exhibirá a súa produción Kiosco das almas perdidas no marco do Festival Grec’08. Esta peza, dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván e con música en directo de Mercedes Peón, entra así na recta final dunha extensa xira dentro e fóra de Galicia, que pechará o 25 de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Antes, o día 17, o CCG actuará en Xixón ante os profesionais asistentes ao II Encontro de Programadores Internacionais que organizan Laboral Escena e o Instituto Cervantes.

As funcións de Barcelona desenvolveranse no Mercat de les Flors, un dos espazos do prestixioso Festival Grec, que celebra a súa trixésimo segunda edición dende o 25 de xuño até o 2 de agosto. No seu cartel, que ofrece 57 propostas de danza, teatro, música e circo, hai lugar para as producións propias e para destacados nomes da escena internacional como Cheek By Jowl, Hiroake Umeda, Lapsus Dansa, Dies de Dansa ou Misia. Por outra banda, en Xixón o CCG terá a gran oportunidade de exhibir o seu espectáculo ante os programadores dalgúns dos espazos escénicos máis importantes do mundo, chegados dende Nova York, Toquio, Pequín, París, Berlín, Londres, Moscova, Rabat, O Cairo, São Paulo, Praga, Budapest, Roma, Varsovia e Estocolmo, entre outras cidades, para intercambiar experiencias no encontro profesional que se desenvolve do 16 ao 19 de xullo no Laboral Escena.

O proceso creativo

Con Kiosco das almas perdidas, o Centro Coreográfico Galego -unidade da Consellaría de Cultura e Deporte adscrita á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais)- procurou a captación de novos espectadores para a danza, a través da utilización de novas linguaxes escénicas que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo. Esta montaxe é froito da residencia de Roberto Oliván durante tres meses en Galicia, e está coproducido polo Laboral Escena xixonés.
A peza é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. Kiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés en Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares, unidos por un forte carácter, que se atopan no abrente do día.

Para levar a cabo este proxecto, Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico, enriqueceu ao máximo a proposta, que conta tamén con Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Felix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación. Sobre o escenario, once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. O seu director propón ao espectador a busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha montaxe escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.

O director

Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker, Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson.

Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. Dende 2004, é tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa, que se celebra anualmente no mes de xullo e no que participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.

Fin de xira

O CCG iniciou o pasado mes de marzo a distribución de Kiosco das almas perdidas, espectáculo co que até o momento visitou oito localidades galegas (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago, Narón, Ferrol, Ourense e Carballo) e sete de fóra de Galicia (Xixón, Cádiz, Reus, Sevilla, Viseu, Ponferrada e Bragança). En total, a montaxe terá ofrecido 28 funcións ao finalizar esta xira de cinco meses.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais