AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O CCG APOIA ESTE ANO UN TOTAL DE OITO PROXECTOS DENTRO DO SEU PROGRAMA ARTISTAS EN RESIDENCIA

Maïté Delafin e Iker Gómez pechan as súas residencias artísticas no Centro Coreográfico Galego con senllas mostras abertas ao público dos seus proxectos

[31/07/2008] Os creadores Maïté Delafin e Iker Gómez pechan as súas residencias artísticas no Centro Coreográfico Galego (CCG) con senllos encontros públicos -Delafin e a súa compañía Nux preséntanse hoxe de 12.00 a 14.00 horas na sede coruñesa do CCG; e Gómez, mañá de 12.30 a 14.00 horas na Sala Galán de Compostela- nos que amosan ante os profesionais e espectadores interesados parte dos proxectos desenvolvidos durante a súa estadía este mes de xullo en Galicia.

Artistas en Residencia é un programa do Centro Coreográfico Galego que ten como finalidade apoiar a creación, a investigación e a experimentación tanto de artistas que traballen no ámbito da danza como daqueles que, dende outras disciplinas artísticas, teñan a danza ou as artes do movemento como referencia. A unidade da Consellaría de Cultura ofrécelles aos artistas convidados os medios materiais (dotación económica e espazo de traballo) e de persoal de apoio necesarios para desenvolver e presentar as súas propostas, favorecendo igualmente o intercambio con outras disciplinas artísticas.

Programa 2008

Así, Maïté Delafin e a compañía Nux estiveron este mes na Fábrica de Santa Cristina (Oleiros) para preparar a peza Déixame bostezar; mentres que Iker Gómez traballou no proceso creativo da súa nova proposta, La danza del cisne, na Sala Galán. Ademais destes dous traballos, o CCG apoia outros seis proxectos de residencia: Play de Uxía P. Vaello e Borja Fernández, Casualidances... desencontros de Antón Coucheiro, 90 dB de Bárbara Bañuelos, Some Things Happen all at Once de Rosa Casado, Alicia en Grusia Proyect de Estela Lloves e Tania Arias, e Subidón, saldos de un bazar familiar de Félix Fernández.

Na súa primeira convocatoria, en 2007, o programa Artistas en Residencia acolleu dous proxectos: un de creación (Arder nun hotel, de Uxía P. Vaello) e outro de investigación (Arándara, de Henrique Peón e Mercé de Rande).

Déixame bostezar

Maïté Delafin coordina o proceso de creación de Déixame bostezar, que coreografía e interpreta xunto a Koldo Arostegui, Laura Dorna, Ivan Montardit e Neus Villá. Para este traballo, a compañía Nux investigou sobre o tema do aburrimento, que define como "un estado de espera sen obxecto e sen contido", "unha temporalidade valeira", "unha vertixe tranquila e monótona que nos revela a insignificancia universal". Os bailaríns afondan nas distintas facetas deste concepto, restablecendo o seu sentido, o seu contido. Manipulando a percepción do tempo, levan o xesto cotiá ao movemento bailado, explorando situacións nas que a miúdo nace o sentimento de aburrimento. O obxectivo é achegar unha nova mirada sobre o obvio.

Finalista en 2007 do Certame Coreográfico de Madrid, entidade que colabora co CCG nesta residencia artística, a compañía Nux foi creada a finais do 2006 por Maïté Delafin, artista franco-uruguaia que se formou en París e Barcelona e que está agora establecida en Edimburgo (Escocia). O ano pasado, durante a residencia en La Caldera (Barcelona), comeza a creación de L'épaisseur des choses (A densidade das cousas), peza para cinco bailaríns que é o seu último traballo presentado até o momento.

La danza del cisne

No proceso creativo de La danza del cisne, Iker Gómez mantense fiel á súa liña de traballo e ao estilo desenvolvido en Absurdo, a súa última peza. Trátase dunha nova proposta escénica na que o autor reinterpreta en código contemporáneo a ave máis prezada do ballet: o cisne. Catro intérpretes, a integración do vídeo na acción escénica, danza contemporánea, fisicidade, texto, música en directo, unha dose de humor e activismo existencial, cun obxectivo: crear un ballet en miniatura.

Coreógrafo e videocreador, Gómez comeza os seus estudos no País Vasco dividindo o seu tempo entre a Universidade de Belas Artes e o Estudo de Danza. Despois de traballar con coreógrafos de diferentes estilos como Jiry Kilyam, Stjin Cellis, Rui Horta, Wim Vandekeybus ou Jo Stromgrem entre outros, comeza a enfocar a súa carreira cara á dirección escénica, a coreografía e as artes audiovisuais.

Centra o seu traballo en investigar a dobre perspectiva que lle proporciona o vídeo en escena e o movemento da cámara. Desenvolve posibilidades cinematográficas, que aplicadas á composición coreográfica, lle permiten enmarcar a danza e a acción en escena nun novo espazo e contexto. Gómez funda entón o estudio de vídeo Digital Video Dance Art, especializado en artes escénicas, co que leva realizados 26 proxectos, sete deles -como Attention o Meat Market- para outras compañías profesionais. Os traballos de creación que realizou en colaboración con outras formacións internacionais presentáronse en teatros e festivais de diferentes países como Suíza, Alemaña, Polonia, Italia, Francia, Holanda, Turquía, Colombia e Chile.

A finais de 2006, regresa a España onde o seu traballo é completamente descoñecido. Pasa a formar parte de Area Tangent, colectivo de novos creadores onde reside como coreógrafo. A través desta plataforma encontra o apoio loxístico para poder continuar o seu traballo como coreógrafo emerxente. Trala presentación das pezas Sexstrasse e Mi Mulholland Drive, o Festival de Temporada Alta e o Mercat de les Flors de Barcelona valoran o seu potencial e convértense en coprodutores da peza Absurdo, peza que na actualidade forma parte do Circuíto Interautonómico de Danza 08 da Rede de Teatros Alternativos. Recentemente, foi invitado por Johannes Ohman, director artístico de Göteborg Dance Ballet (Suecia), para amosar o seu traballo Existencial Question-Vídeo Coreografía Escénica no Festival de Agosto do GöteborgsOperan AB.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais