AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



EN "...CASUALIDANCES...DESENCONTROS...HÁBITAT", QUE SE EXHIBE AO PÚBLICO NESTE ESPAZO COMPOSTELÁN MAÑÁ ÁS 19.30 H, O ARTISTA PESCUDA NA NON-COMUNICACIÓN

Antón Coucheiro presenta no Teatro Galán a obra resultado da súa residencia artística no Centro Coreográfico Galego

[09/12/2008] O polifacético actor e creador escénico Antón Coucheiro levará a cabo mañá, ás 19.30 horas no Teatro Galán de Santiago, unha presentación pública da súa obra ...Casualidances...desencontros...hábitat, resultado do traballo desenvolvido ao longo do último mes dentro do programa do Centro Coreográfico Galego (CCG) Artistas en Residencia.

A creación de Coucheiro forma parte do grupo de oito proxectos aos que o CCG apoiou en 2008, coa finalidade común de fomentar a creación da danza a través da investigación e a aposta por proxectos arriscados que buscan novas linguaxes artísticas. Por medio de Artistas en Residencia, os beneficiarios obteñen recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver a súa actividade en condicións idóneas e favorecendo o intercambio entre artistas e entre disciplinas artísticas. Crear a partir da non-comunicación

En ...Casualidances...desencontros...hábitat..., Coucheiro amósanos un individuo que crea o seu propio universo nunha habitación, e que trata de coincidir con outros no seu movemento, pero eses outros non están. É un exercicio de transformación que a través de momentos paralelos (do baile co propio reflexo nun espello, de probar perrucas para converterse en outros, de organizar unha festa estando só) trata de fuxir do destino ou inventalo, de aproveitar as coincidencias para enchelas de rutinas, de personalidades múltiples, de viaxes no tempo, monstros mitolóxicos, reloxos e soños proxectados.

No espectáculo mestúranse técnicas e linguaxes para contar unha historia e para crear imaxes e ambientes coas que facer rir e emocionar. A combinación da danza contemporánea co teatro físico, máis concretamente coa estética e a poética do clown, é a clave dun traballo que conecta co espectador a través da fraxilidade, a tenrura e o humor.

Un artista vinculado ao circo

Antón Coucheiro formouse na escola Espacio Aberto de Santiago de Compostela, na Escola de Teatro Non-Verbal de Praga e na Fundiçao Progresso de Río de Janeiro. Ademais foi alumno dos mestres máis recoñecidos no mundo do clown como Leo Bassi, Carlo Colombaioni, Johny Melvelle ou Loco Brusca. Estudou danza contemporánea con Beatriz Fuentes, Ian Mundate, Blanca Ruíz, Marie Kinsky, Daniel Abreu ou Olga Mesa, butoh con Sumako Koseki e Hisako Korikawa e teatro físico con Carlos Neira, Wladislaw Znorko, Daniela Vorackova, etc.

Ten traballado con compañías como Matarile Teatro, Chévere, A Factoría, Pistacatro Produtora de Soños, Centro Dramático Galego (CDG), Ioana Popovici ou Deborah Colker.

Na actualidade é profesor de clown na Escola Novo Circo CIRCO9 e forma parte do elenco da montaxe do CDG A boa persoa de Sezuán, que tamén se exhibe estes días en Compostela.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais