AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O CENTRO CÍVICO CULTURAL ACOLLE ESTE VENRES DÍA 23, ÁS 20.30 H, A PRIMEIRA FUNCIÓN DESTA PEZA, QUE CONTINUARÁ EN CARTEL O SÁBADO 24 ÁS 20.00 H

A compañía Entremans e o CCG estrean en Arteixo "Concerto desconcerto"

[21/01/2009] A compañía galega Entremans e o Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura e Deporte estrean o venres 23 ás 20.30 h no Centro Cívico Cultural de Arteixo o espectáculo Concerto desconcerto. A montaxe pertence ao programa de coproducións a través do que o CCG apoia proxectos de danza de iniciativas profesionais independentes e de empresas de titularidade privada.

En Concerto desconcerto a compañía galega investiga o son dos xestos cotiás para crear unha peza na que o espazo sonoro é un eixo fundamental. Para levar a cabo este traballo, no que a música se utiliza como unha pauta na busca do movemento, contou co asesoramento musical de Mercedes Peón.

Esta montaxe xorde dun proceso de investigación arredor dos sons de accións cotiás. A improvisación foi unha ferramenta clave na creación dun espectáculo no que os movementos tiranse da experiencia persoal de cada un dos intérpretes.

Trala súa estrea en Arteixo, Concerto desconcerto poderá verse en Ferrol, Pontevedra, A Coruña e Carballo, e participará en marzo no Festival Alt 09-Weekend de Vigo.

Programa de coproducións do CCG

A través do seu programa anual de coproducións, o CCG traballa na suma de iniciativas e esforzos a prol do desenvolvemento integral da danza e fomenta a colaboración e o apoio entre estruturas e organismos, impulsando o intercambio de coñecementos e ideas.

No caso de Concerto desconcerto, a compañía Entremans recibiu ademais dun apoio económico, un asesoramento na comunicación e a titoría da mánager e distribuidora Marta Oliveres durante o proceso de preprodución e produción.

No tocante a apoiar e promover a formación tanto de profesionais como de públicos, a compañía realizou unha serie de ensaios abertos, así como o Taller de voz e dicción incorporadas ao movemento que tivo lugar durante o mes de novembro de 2008 na sede do Centro Coreográfico Galego. Este taller, impartido por Alexis Fernández -un dos integrantes de Entremans-, deu pautas para desenvolver e potenciar a voz, perfeccionar a dicción e enriquecer a entoación para acadar un maior dominio da expresión oral.

Esta montaxe é a sexta coprodución do CCG despois de: 30.000 de Pisando Ovos e Arte a escena de Experimenta Danza na temporada 2006-2007, Negro de Daniel Abreu, Feminine de Paulo Ribeiro e Tradicción de Nova Galega de Danza na temporada 2007-2008. Nesta temporada, ademais de Concerto desconcerto, o CCG coproducirá Ovay con Quique Peón.

Entremans

Creada no 2005, esta xoven compañía viu recoñecido o seu traballo en numerosas ocasións. O traballo dos seus intérpretes acadou galardóns como o 1º Premio no Certame de Creación Coreográfica de Galicia (2006), o 1º Premio no Certame Internacional de Burgos-New York (2006) ou o 1º Premio do Público no XXII Certame Coreográfico de Madrid (2008).

Entremans crea as súas pezas partindo dunha dirección artística colectiva na que prima o discurso persoal e a experiencia de cada un dos seus intérpretes. Para Concerto Desconcerto, Alexis Fernández asume a dirección artística coa asistencia de Kirenia Martínez, nunha peza na que ambos se suben ao escenario xunto a Armando Marten e Caterina Varela.

Entre os últimos traballos de Entremans cómpre destacar En la cuenca de tus ojos, que recibiu o 1º Premio no IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia (2006) e o 1º Premio no V Certame Internacional de Burgos-New York (2006); e Ven, 1º Premio do Público no XXII Certame Coreográfico de Madrid.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais