AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A ARTE E A MORTE

Crítica de 'Giseliña' por Claudia Galhós

[18/03/2009] «Cando nos volveremos ver? Cando, o sabor terroso dos teus labios, virá rozar de novo a ansiedade do meu espírito? A terra é coma unha refolada de labios mortais. A vida socávanos fronte ao abismo de todos os aloumiños que nos faltaran».

As palabras son de Artaud, do libro A Arte e a Morte, mais poderían ser debuxos escritos coa pulsión vital do desmaio que acomete os corpos transformados de Giseliña, a nova produción do Centro Coreográfico Galego, asinada polo catalán, asentado en Suíza, Cisco Aznar. É esta unha aproximación persoal, a través dun imaxinario plástico e decadente, dese ballet clásico que é Giselle, obra estreada en París en 1841, en dous actos, coreografada por Jean Coralli e Jules Perrot, con libreto de Théophile Gautier e Vernoy de St. Georges e música de Adolphe Adam.

Son varias as cuestións que suscita a obra. Por suposto, o eterno debate sobre a pertinencia das novas adaptacións dos ballets clásicos. Tamén sobre o sentido actual do amor romántico e dese sufrimento exaltado de quen perde o corazón no dramatismo afervoado da dor. E aínda máis, por mor da natureza propia da estética de Aznar, sobre a proposta de recorrer hoxe en día, ao exceso, ao grotesco e deforme propio do expresionismo alemán, que acaba por contaminar en gran parte a sintaxe corporal dos bailaríns, a atmosfera escénica, os xogos expresivos dos rostros e a construción narrativa do filme que nos proxecta a un surrealismo delirante, irónico e sedutor, nunha mestura entre un Drácula ao estilo de Bela Lugosi e o cine serie B de Ed Wood, onde os labios dos amantes se aproximan nun bico interrompido por un peixiño encarnado que pasa entre eles, ou por persoas con corpo de lagosta a tamaño real.

Nunha primeira mirada, o que destaca da obra é un xogo no que se fusionan capas de sentidos que se entrecruzan e que veñen de fontes moi diversas. Proceden da historia da arte, en particular da danza e do cine. Hai nela a dimensión poética dunha narrativa fragmentada, composta por breves unidades de sentido que non constitúen unha estrutura lineal. Hai a afiliación pertinente ao contexto dun desenvolvemento cultural en sintonía cos valores máximos da actualidade, onde a arte consta dunha lóxica de cambio de paradigma da vida a escala mundial, que é entendido como crise, pero que representa unha efectiva transformación de mentalidades e de sectores económicos, nos cales a creatividade e a innovación (este é, por algún motivo, o Ano Europeo da Creatividade e da Innovación) teñen un papel determinante para a viabilización das sociedades, das economías de futuro.

É neste contexto onde se perciben as recentes mudanzas nas tendencias máis actuais da danza que se fai hoxe, na liña dun percorrido histórico desta linguaxe artística, pero tamén en estreita influencia co peculiar do movemento que vivimos. Temos que recuar ata as décadas dos setenta e oitenta, cando, máis ou menos en toda Europa, a danza acometeu unha ruptura radical coa súa historia, a súa tradición e os seus códigos académicos. Reclamou unha independencia e autonomía como arte, distinta do ballet, que permanecía refén dunha ilusión, que teimaba na reprodución do artificial e da mentira. Rachaba cunha arte que repite a ditadura de normas de composición do propias do espectáculo e que traslada ao escenario a perpetuación dunha ditadura da mirada, porque lle impón ao espectador unha única posibilidade de lectura, ao mesmo tempo que a sorpresa e o espanto se confían soamente ao nivel estético dependente do grao de beleza dos elementos da obra.

Hoxe, superada esta fase, asistimos ao reequilibrio da dimensión poética da obra coa súa vasta posibilidade de experimentación formal. Hai o rexurdimento dunha ética, de implicación crítica co real, que o interpela, que o cuestiona, que o leva transformado á escena. Dáse tamén a revalorización do pasado, nunha produtiva unión da tradición e da memoria con futuro. O tempo anterior que habita en nós como impresións vivas do noso patrimonio humano é materia dinámica de creación. A excelencia artística, no sentido da renovación da importancia de dominar a técnica, tamén reaparece, pero ao servizo dunha dimensión sempre humana.

Velaquí a arte do hoxe. Velaquí o escenario dun mundo cambiante. Insírese nese dominio da arte identificado xa como elemento básico de competitividade no novo paradigma social. Xorde unha nova economía ligada á necesidade imperiosa dunha nova forma produtiva, en que o poder se sustenta na capacidade de crear valor a partir do coñecemento, na afirmación da diferenza e da singularidade.
O desafío do novo mundo que ha de xurdir esixe unha nova mentalidade, necesariamente creativa.

Esta arte de hoxe reta á persoa (artista e espectador) a barallar as súas estruturas mentais e a ser parte integrante dun mundo en creación, de forma paralela ao mundo que deixou de estar orientado segundo unha lóxica de relación bilateral, entre emisor e receptor. Con todo, a súa orde é moito máis complexa; é simultaneamente de proximidades e distancia, entre individuos; é colaboradora, en rede, con desdobramentos de construcións de comunidades, cun estímulo ás relacións compartidas.

Neste contexto é onde Gisellina resulta pertinente. A categoría da súa dimensión poética trasládanos ao amor romántico e ao exceso que a morte por amor pode simbolizar. Pero aquí, porque a súa inspiración é Giselle, a historia principal trata sobre o poder do amor sobre a morte. A obra representa o expoñente máximo do romanticismo, pero a partir a súa versión primixenia, que contén elementos desconcertantes. Propón unha mirada sobre a morte destruíndo unha beleza idealizada, nun ambiente case terrorífico mediante a danza das Willis: os espíritos das mozas que morreron virxes e que, conforme á lenda, matan ás noites a calquera home que se achegue a elas.

Canda a versión inaugural, o corpo de baile das Willis retrataba un grupo de mulleres vingativas e desapiadadas, animadas polo odio, en imaxes esmorecidas de corpos pálidos, que provocaron o desmaio de varias persoas do público. Só máis tarde se tornaron nun adorable e etéreo conxunto de bailarinas que compoñen unha deliciosa e fermosa pasaxe de danza en grupo. Aconteceulles o mesmo que aos máis dos contos de fadas, que na súa orixe eran máis ben complexos: perderon a súa densidade psicolóxica, foron simplificados e volvéronse inocuos.

Neste ambiente é onde se sitúa a obra de Aznar. Nese coro grego de corpos deformados, que vestidos de negro danzan o lamento do abandono e do amor perdido. Agochan detrás dos rostros dramáticos de cera branca a tristeza dun desexo reprimido. E por baixo das saias poden ser homes ou mulleres. O coreógrafo mestura os sexos, construíndo un mundo desequilibrado de afectos e des pulsións sexuais, onde a tolemia aparece cun carriño de bebé ou rodando nun pequeno triciclo. Hai detalles de xogo escénico marabillosos por mor do efecto espléndido da súa sinxeleza: coma a abertura, co escenario nu, onde baila unha aparentemente doce Giseliña, nunha combinación da elegancia do clásico coa tenrura humana do corpo real contemporáneo. Está soíña, cando xorden unhas cordas que atravesan a escena dunha punta á outra, que se bambean no abaneo hipnótico e nebuloso dun lugar soñado. Despois, son a morte e o absurdo o que se fan presentes. No escenario e no vídeo.
Esta é a terceira produción do Centro Coreográfico Galego. É un traballo cunha clara identidade autoral, que reafirma a morte como un tema recorrente para o coreógrafo, pero é tamén un complexo catálogo de referencias artísticas convocadas en soportes moi diversos, dende a composición coreográfica —que vai da técnica clásica ao máis contemporáneo e ao teatral— ao cine, as artes plásticas, a música e a literatura... É unha produción relevante no contexto dun traballo de formación que esta institución vén desenvolvendo ao longo dos últimos dous anos, tanto para a formación de novos públicos como para, o que é moitísimo máis importante, investir en novos intérpretes, que aquí conforman un elenco de calidade. Unha aposta dunha nova institución en Galicia que sitúa a danza dentro das tendencias máis actuais e relevantes a escala mundial, e que xa permite identificar unha interesante dinámica creativa in situ e a correspondente adhesión do público, tanto local coma internacional. Á obra agárdalle un intenso percorrido nos meses vindeiros, o que permitirá pulir algún dos elementos que aínda precisan afinarse ou madurar.


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais