AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A PEZA PRESENTARASE O SÁBADO 21 ÁS 21.00 HORAS NO AUDITORIO MUNICIPAL

O CCG presenta en Cangas 'Giseliña' de Cisco Aznar

[18/03/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta Giseliña o sábado 21 de marzo ás 21.00 horas no Auditorio Municipal de Cangas, as entradas estarán a venda no despacho de billetes deste espazo cultural o mesmo día da función en horario de 18.30 a 20.30 horas e os días previos á función no teléfono 902 504 500 ou a través da web www.servinova.com.

A nova produción do CCG, que conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura, está dirixida polo coreógrafo Cisco Aznar e coproducida xunto ao teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia. Giseliña, que se estreou o pasado 7 de marzo no teatro Rosalia Castro da Coruña, poderá verse en distintos teatros galegos, viaxará a outros escenarios da xeografía española e se exhibira tamén en Marrocos (nas cidades de Rabat e Tetuán) e Xordania (en Amann).

Giseliña constitúe a terceira produción da historia do CCG. Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a proposta que protagoniza a temporada 2009 chega da man do creador catalán asentado en Suíza Cisco Aznar, quen asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña.

Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.

Amor e morte

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.

No corpo de baile de Giseliña participan dous bailaríns da zona, Amparo Novás de Moaña e Jorge Brea de Cangas, completan o elenco Noemi Alberganti, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

Xira

Trala estrea na Coruña o pasado día 7, Giseliña represéntase durante os meses de marzo, abril e maio nos escenarios de Santiago de Compostela, Narón, Vigo, Cangas, Rabat, Tetuán, Puertollano, Xixón, Murcia, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Badalona e Tui.

En paralelo a esta intensa xira, que aínda pode sumar novos destinos, o CCG desenvolverá diversas actividades formativas para achegar ao público a linguaxe coreográfica de Cisco Aznar e contribuír á difusión e comprensión da danza actual entre espectadores non especializados.

O director

Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais