AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DESPOIS DE ACADAR UN GRANDE ÉXITO DE CRÍTICA E PÚBLICO NO TEATRO LA LABORAL DE XIXÓN GISELIÑA CHEGA A MURCIA

Giseliña do CCG no Centro Párraga de Murcia

[16/04/2009] Despois da súa boa acollida no Teatro La Laboral de Xixón, onde Giseliña acadou un grande éxito de crítica e público, o Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta a súa última produción no Teatro Párraga de Murcia. As funcións terán lugar o venres 17 e o sábado 18 ás 21.00 horas, a xira continuará nos meses de abril e maio visitando Pontevedra, Xordania, Ourense, Carballo, Ferrol, Badalona e Tui.

Pincha nos seguintes enlaces para ver as críticas de Giseliña en Xixón:
Crítica publicada en La Nueva España Crítica publicada en El Comercio

Giseliña, estreada o pasado 7 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, constitúe a terceira produción da historia do CCG. Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a proposta que protagoniza a temporada 2009 chega da man do creador catalán asentado en Suíza Cisco Aznar, quen asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña. Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.

Amor e morte

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.

No corpo de baile de Giseliña participan dous bailaríns da zona, Amparo Novás de Moaña e Jorge Brea de Cangas, completan o elenco Noemi Alberganti, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

O director

Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais