O ESPAZO PONTEVEDRÉS ACOLLE HOXE E MAÑÁ CATRO TALLERES DE DANZA QUE TEÑEN COMO OBXECTIVO ACHEGAR AS ARTES DO MOVEMENTO Á CIDADANÍA
O Centro Coreográfico Galego presenta "Giseliña" o 24 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra
[22/04/2009] O Pazo da Cultura de Pontevedra ofrece o vindeiro venres 24 de abril, ás 21.00 horas, unha función da última proposta do Centro Coreográfico Galego (CCG), Giseliña, creada e dirixida polo coreógrafo catalán Cisco Aznar. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do devandito espazo o mesmo día da representación, a partir das 19.00 horas, e de xeito anticipado, no teléfono 902 504 500 ou da web www.servinova.com.
Ademais, e co obxectivo de achegar a danza contemporánea á cidadanía -en particular, a linguaxe empregada por Cisco Aznar na nova peza do CCG-, a bailarina e coreógrafa galega Estela Lloves impartirá hoxe e mañá no mesmo Pazo da Cultura catro talleres, de dúas horas de duración cada un. Nestes obradoiros participarán arredor de 80 persoas pertencentes a asociacións de amas de casa e xubilados, escolas de danza e grupos de educación secundaria e bacharelato da cidade.
Coproducida xunto ao Teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia,
Giseliña foi estreada o pasado 7 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, iniciando despois unha ampla xira no marco da que o vindeiro 27 de abril será representada en Amán (Xordania).
A peza que protagoniza a temporada 2009 do Centro Coreográfico Galego toma como referencia o ballet clásico Giselle baixo a mirada orixinal e sorprendente de Cisco Aznar. Este catalán asentado en Suíza bota man dunha estética moi particular, excesiva e grotesca, que evoca as grandes obras do expresionismo alemán. Giseliña é unha versión totalmente contemporánea, que rompe cos códigos do ballet clásico, e na que se mesturan co movemento outras linguaxes artísticas como a vídeocreación, o cine ou as artes plásticas. O resultado é unha montaxe conmovedora que reta o espectador, esixíndolle atención e transportándoo a un mundo cheo de fantasía e referencias artísticas e cinematográficas. Os ideais románticos e a loita entre o amor e a morte están presentes en
Giseliña, unha proposta de marcado carácter poético e complexidade creativa.
Amor e morte
Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado cuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras, a escenografía e o vestiario ideados por Luis Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega o espectador ao ámbito do sobrenatural.
Para a súa execución,
Giseliña conta cun corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.
O director
Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.
Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.
Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de
Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.
Ligazóns
< Volver