AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ESTA É A PRIMEIRA DAS MOSTRAS PÚBLICAS DOS 14 PROXECTOS APOIADOS ESTE ANO POLO CCG E O CDG A TRAVÉS DO PROGRAMA ARTISTAS EN RESIDENCIA

Laura Lizcano presenta a peza "Assemblage" como resultado da súa residencia artística no CCG

[28/04/2009] A coreógrafa e bailarina Laura Lizcano, artista residente do Centro Coreográfico Galego (CCG) co proxecto Assemblage, ofrecerá o vindeiro xoves día 30 en Santiago o resultado deste proceso creativo no marco dun encontro aberto aos profesionais e público interesados que terá lugar a partir das 17.00 horas na nave da AGADIC (Polígono Costavella. Rúa Polonia, nº 30). Trala interpretación da peza, abrirase un coloquio entre os artistas e os espectadores para debullar os distintos elementos que dan forma a este traballo multidisciplinar.

Esta é a primeira das mostras públicas a través das que se presentarán as 14 propostas inseridas este ano no programa Artistas en Residencia da AGADIC que, xestionado polo Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego (CDG), ten como finalidade apoiar artistas ou colectivos no desenvolvemento dun proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza e outras artes do movemento. Neste sentido, tanto o CCG como o CDG ofrécenlles aos creadores seleccionados recursos infraestruturais, técnicos e humanos para levar a cabo os seus traballos.

En Assemblage -que ten tamén o apoio en residencia da Associaçao Vo’Arte de Lisboa, Assas de Palco de Guimarães e o Centro Cultural Antonio Gala de La Rinconada (Sevilla)- colaboran artistas de diferentes áreas: danza, teatro, música, fotografía, iluminación, etc. coa intención de crear un espectáculo interdisciplinar. A partir dos conceptos de imaxe, palabra e imaxinación, proponse unha viaxe dende o ultraterreo -botando man de palabras de Calvino- ata o imaxinario, procurando a evocación e a fantasía no espectador. Assemblage é un paseo dende a realidade ata a imaxinación, a transformación dunha realidade nun lugar imaxinario con acontecementos xerados dende a imaxinación e materializados no movemento.

Creada e interpretada por Laura Lizcano xunto a Uxía P. Vaello e Rafaela Salvador, a peza está dirixida por Guillermo Weickert e conta, ademais, co traballo de Nuno Tavares na creación da imaxe e fotografía, de Paco Lamato (música), Alfonso Castro (iluminación) e Bárbara Castromil (deseño de vestiario).

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais