AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A PEZA EXHIBIRASE NO TEATRO ZORRILLA A PARTIR DAS 21.00 HORAS

O Centro Coreográfico Galego representa o sábado 16 en Badalona "Giseliña", de Cisco Aznar

[15/05/2008] O Teatro Zorrilla de Badalona acollerá este sábado 16 de maio, ás 21.00 horas, a posta en escena da última produción do Centro Coreográfico Galego (CCG), Giseliña, creada e dirixida por Cisco Aznar. A peza está xerando gran expectación entre o público badalonés, de xeito que xa están practicamente esgotadas as localidades dispoñibles para a venda anticipada. Por este motivo, o mesmo sábado 16 ás 18.00 horas realizarase unha función especial para alumnos de diversas escolas de danza.

Esta última proposta do CCG, que conta co apoio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e está coproducida xunto ao Teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia, foi estreada o pasado mes de marzo na Coruña, iniciando despois unha ampla xira que entra agora na súa recta final. Así, e tras ser representada tamén en Santiago, Narón, Vigo, Cangas, Pontevedra, Ourense, Carballo e Ferrol, ademais de en Xixón, Puertollano, Murcia, Rabat, Tetuán, e Amán, Giseliña despedirase do público o vindeiro venres 22 de maio cunha función no Teatro Municipal Área Panorámica de Tui.

A produción que está a protagonizar a temporada 2009 do Centro Coreográfico Galego toma como referencia o ballet clásico Giselle baixo a mirada orixinal e sorprendente de Cisco Aznar. Este catalán asentado en Suíza bota man dunha estética moi particular, excesiva e grotesca, que evoca as grandes obras do expresionismo alemán.

Versión contemporánea e multidisciplina

Giseliña é unha versión totalmente contemporánea, que rompe cos códigos do ballet clásico, e na que se mesturan co movemento outras linguaxes artísticas como a videocreación, o cine ou as artes plásticas. O resultado é unha montaxe conmovedora que reta o espectador, esixíndolle atención e transportándoo a un mundo cheo de fantasía e referencias artísticas e cinematográficas. Os ideais románticos e a loita entre o amor e a morte están presentes en Giseliña, unha proposta de marcado carácter poético e complexidade creativa.

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado cuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras, a escenografía e o vestiario ideados por Luis Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega o espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta cun corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais