AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



EN TOTAL FORON 22 AS FUNCIÓNS REALIZADAS DENDE A SÚA ESTREA EN MARZO

Remata a distribución de Giseliña con máis de 7.000 espectadores

[05/06/2009] Dende que o pasado 7 de marzo se estrease no Teatro Rosalía Castro da Coruña máis de 7.000 espectadores viron a última produción do Centro Coreográfico Galego , unha peza dirixida polo coreógrafo catalán afincado en Suíza Cisco Aznar que fai unha revisión contemporánea do clásico Giselle.

A xira rematou o pasado 22 de maio cunha función no Teatro Área Panorámica de Tui, en total foron 24 funcións, delas 3 estiveron enfocadas ao público escolar e 21 a público xeral. Giseliña puido verse en 10 prazas galegas, 4 do resto de España -dentro das que cómpre destacar a Feria de Teatro de Castilla - La Mancha, o Centro Párraga de Murcia e La Laboral de Xixón- e 3 no estranxeiro. Un acordo co Instituto Cervantes fixo posible que Giseliña se puidese ver na 1ª Bienal de Teatro Internacional de Rabat, no Teatro Español de Tetuán e no prestixioso festival Zakharef in Motion de Amann - no que participaron compañías de gran relevancia internacional como Sidi Larbi Sherkaoui & Damien Jalet de Bélxica ou City Dance Ensemble de Washington.

Formación para públicos

Co obxectivo de achegar a danza contemporánea á cidadanía o CCG organizou de xeito paralelo á xira na nosa comunidade unha serie de talleres para público que impartiron as coreógrafas galegas Rut Balbis e Estela Lloves. A través destes talleres introduciuse dun xeito lúdico e práctico aos cidadáns na arte da danza, facendo fincapé na linguaxe empregada por Cisco Aznar.

Nos talleres participaron persoas de distintas franxas de idade, algúns deles dirixíronse a grupos de escolares, colectivos de amas de casa, xubilados, etc.
En total nas 10 prazas galegas nas que se presentou Giseliña realizáronse 71 talleres nos que participaron máis de 1400 persoas.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais