AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O SALÓN TEATRO ACOLLE O SÁBADO 13, ÁS 21.00 H, A PRIMEIRA FUNCIÓN DESTE ESPECTÁCULO, QUE CONTINUARÁ EN CARTEL O DOMINGO 14 ÁS 18.00 H

A Compañía Quique Peón debuta en Santiago coa peza "Ovay", en coprodución co Centro Coreográfico Galego.

[10/06/2009] A Quique Peón Cía. e o Centro Coreográfico Galego (CCG) estrean o sábado 13 ás 21.00 h no Salón Teatro de Santiago a peza de danza Ovay, un espectáculo realizado en réxime de coprodución que supón o debut diante do público deste novo colectivo artístico liderado polo investigador, coreógrafo e bailarín coruñés. A montaxe é a segunda (despois de Concerto Desconcerto coa compañía Entremáns) das incluídas polo CCG no seu programa de coproducións, a través do que se apoian proxectos de danza de iniciativas profesionais independentes e de empresas de titularidade privada.

Despois dunha longa e asentada traxectoria centrada no baile tradicional galego, Henrique Peón inicia con Ovay unha nova etapa creativa, que vincula á constitución da súa compañía propia, e na que se interna nas formas da danza contemporánea. O creador adopta como título unha voz da xerga dos canteiros para explorar as catro estacións do camiño da vida, os catro puntos cardinais da alma, mediante melodías e movementos que se distribúen no espectáculo de xeito xeográfico -atendendo ao Leste, o Sur, o Norte e o Oeste de Galicia-, o que conforma o eixo conceptual da montaxe.

Solo de danza

Henrique Peón dirixe e interpreta en solitario esta peza, na que xoga un papel destacado a música da gaita, o acordeón, a zanfona, a requinta e outros instrumentos de percusión executados en directo por Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero. As achegas do propio Romero na dirección musical, do coreógrafo Erick Jiménez como asesor en danza contemporánea, de Baltasar Patiño no deseño de iluminación, de Roberto Magro na dramaturxia e de Cloti Vaello no deseño de vestiario completan o equipo artístico da montaxe.

O proceso de traballo realizado por Peón partiu dun repertorio de pezas de música e danza estritamente tradicional -extraído dos seus arquivos e materiais de investigación etnográfica persoais- para resolver que técnica, movementos e linguaxe corporal do baile popular poden encaixar perfectamente na filosofía da danza actual.

Programa de coproducións do CCG

O CCG pecha con Ovay o seu programa anual de coproducións para a presente temporada, a través do que vén traballando na suma de iniciativas e esforzos a prol do desenvolvemento integral da danza e do fomento da colaboración e o mutuo apoio entre estruturas e organismos.

No caso da proposta de Henrique Peón, a compañía recibiu, ademais dunha achega económica, un asesoramento na comunicación por medio do que se lle aportaron ferramentas para a boa difusión dun espectáculo; así como a asistencia durante o proceso de preprodución e produción da manager e distribuidora Marta Oliveres, experimentada profesional no mundo das artes escénicas, que ofreceu pautas para enfrontar o espectáculo e mecanismos para levar a cabo a súa distribución dentro e fóra de España. O CCG xestionou, así mesmo, a realización dos ensaios de Ovay na Fábrica de Santa Cristina, en Oleiros, e das residencias técnicas no Teatro Jofre de Ferrol e no Salón Teatro (esta última, durante a semana previa á estrea e levada a cabo en colaboración do Centro Dramático Galego).

Ademais, para contribuír á formación de profesionais e de espectadores, a compañía realizou durante o último mes unha serie de ensaios abertos; e ten previsto impartir un obradoiro de danza contemporánea para públicos no marco do festival EMPAPE 2009 da Coruña e outro en Ferrol. Despois das dúas funcións no Salón Teatro (sábado 13 ás 21:00 h e domingo 14 ás 18:00 h), Ovay iniciará o período de xira para o que xa están pechadas funcións na Coruña, Huesca, Manresa, Ferrol e Bruxelas.

Quique Peón

Este bailarín de danza tradicional galega centrou a súa actividade profesional na investigación e divulgación do folclore de Galicia. Ten unha larga traxectoria e un importante labor como profesor de baile e música tradicional. Formou parte de diversos grupos e na actualidade é o director do grupo de danza tradicional Xacarandaina.

Ten realizado labores de asistente coreográfico con Mercé de Rande no proxecto Zocas e en A Arándara, proposta apoiada polo programa Artistas en Residencia do CCG; e formou parte tamén do reparto da produción do CCG dirixida por Roberto Oliván Kiosco das almas perdidas. Henrique Peón ten participado en numerosos festivais e xiras internacionais visitando: Portugal, España, Francia, Inglaterra, Bélxica, Italia, Hungría, Ucraína, Alemaña, Eslovaquia..., e ten recibido numerosos galardóns polo seu traballo na recuperación e difusión do folclore galego.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais