AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A PRESENTACIÓN TERÁ LUGAR O XOVES 2 DE XULLO NA NAVE DA AGADIC EN SANTIAGO

Presentación da residencía artística Macho de David Loira

[29/06/2009] O vindeiro xoves 2 de xullo ás 16.30 horas David Loira -artista en residencia do Centro Coreográfico Galego co proxecto Machoamosará ao público o resultado deste proceso creativo na nave da AGADIC (Rúa Polonia nº 30. Polígono Costavella - Santiago). Despois da mostra abrirase un coloquio entre o artista e o público, para debullar os distintos elementos desta proposta.

Artistas en Residencia é un programa da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), xestionado polo Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Dramático Galego (CDG), que ten como finalidade apoiar a artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza e outras artes do movemento; así como a artistas -que dende outras disciplinas- traballen coa danza, o teatro ou o circo como referencia. Esta liña de apoio á creación ofrece aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver unha actividade de investigación ou de creación. Nesta tempada, a través do programa Artistas en Residencia, apóianse un total de 15 proxectos, oito deles xestionados polo CCG.

En Macho establécese unha relación entre unha temática sobre identidade sexual e unha temática floral, ata chegar á idea dun corpo masculino en coma. Evocando un corpo ausente en aparencia inmóbil como o corpo en coma estaría a imaxe do lago e a idea que relaciona o corpo, o movemento, a auga e a paisaxe. Descubrindo e atopando ese corpo masculino, a medida que se vai agochando da vida e da morte faise presente e vaise convertendo nunha flor na que entra en dialéctica o feminino e o masculino, a acción e a non acción, a vida e a non vida, o soño e a realidade.

Escrito, dirixido e interpretado por David Loira, o equipo artístico de "Macho" conta co acompañamento no traballo de escena e tecnoloxía de Rosa Sánchez y Alain Baumann creadores de Kònic Thtr -iniciativa recoñecida internacionalmente como pioneira no emprego e incorporación de tecnoloxía en proxectos de creación-.Toni Mira-Compañía Nats Nus-como asesor artístico. Na peza intervén tamén a actriz e bailarina Fiona B. McCudden, Octavio Más é o encargado da iluminación, Masako Hattori do vídeo, Xacobo Torres da axudantía técnica, Roberto Fratini da asesoría de dramaturxia.


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais