AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



HABERÁ UNHA EXHIBICIÓN E UN COLOQUIO PARA OS PROFESIONAIS DA DANZA

Mercé de Rande amosa na Sala Ensalle de Vigo a súa residencia para o CCG "Mar, Fento e Cemento"

[09/07/2009] A bailarina e coreógrafa galega Mercé de Rande amosará mañá en Vigo diante doutros profesionais da danza o proxecto titulado Mar, Fento e Cemento , realizado como artista residente do Centro Coreográfico Galego (CCG). A presentación, que se desenvolverá na Sala Ensalle a partir das 18:00 horas, consistirá na exhibición do proceso creativo realizado e nun coloquio posterior entre a artista e o público asistente.

Mar, Fento e Cemento ten como punto de partido a peza Fiando o Kaos, unha creación multidisciplinar que comezara en 2006 no Festival Zona Alternativa da Sala Nasa, en Santiago de Compostela. A proposta, que comezou a xestarse baixo o título de Re-fiando , trata de reflexionar sobre a necesidade ou non de que unha obra se materialice sempre segundo as mesmas fórmulas de procedemento, ensaio e estrea. Tamén sobre se é posible un novo xeito de relación entre organización, artista e público que permita o desenvolvemento axeitado de certos proxectos artísticos que requiren modelos novos de comunicación entre os creadores e os espectadores.

Esta actividade insírese no programa Artistas en Residencia, unha iniciativa da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) xestionada polo Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Dramático Galego (CDG), que ten como finalidade apoiar a artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza e outras artes do movemento; así como a artistas que dende outras disciplinastraballen coa danza, o teatro ou o circo como referencia. Esta liña de apoio á creación ofrece aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver unha actividade de investigación ou de creación. Mediante este programa apóianse en 2009 un total de 15 proxectos, 8 deles xestionados polo CCG e 7 polo CDG.

Formación diversa

Mercé de Rande ten unha formación diversa, internacional e multidisciplinar acadada no Teatro de la Danza (Madrid), Forum-dança (Lisboa), CDC (Toulouse), CCNM (Montpellier), onde estudou técnica de danza contemporánea e creación (teatro, voz, vídeo, instalación sonora, etc.). Destacan entre os seus mestres Vera Mantero, Nigel Charnok, Mathilde Monnier e Thierry Bäe, entre outros. En 2006 entra na compañía Incidents Mémorables de París, especializada na aplicación das novas tecnoloxías á escena. En 2007 crea a súa compañía Á Mercé das CirKunsTanzias, e xunto a Quique Peón pon en marcha A Arándara , unha proposta apoiada tamén polo CCG a través do programa Artistas en Residencia 2008. Desenvolve así mesmo unha intensa actividade como docente impartindo obradoiros e cursos en distintos espazos.

Para asistir a esta actividade prégase confirmación a través do enderezo electrónico documentacion.ccg@xunta.es.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais