AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



AS BAILARINAS E BAILARÍNS DO CCG E AS PANDERETEIRAS DE XACARANDAINA INTERPRETAN ESTE TRABALLO, RESULTADO DA INVESTIGACIÓN COREOGRÁFICA DIRIXIDA POR ERICK JIMÉNEZ

O Centro Coreográfico presenta a peza "La 8" o 26 de xullo nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña

[24/07/2009] Os xardíns de Méndez Núñez da Coruña serán o escenario o vindeiro domingo 26 de xullo, a partir das 19.30 horas, da posta en escena da peza La 8, resultado da investigación que o bailarín e coreógrafo Erick Jiménez ideou e dirixiu para o Centro Coreográfico Galego. Trece bailarinas e bailaríns e as pandereteiras de Xacarandaina interpretan este traballo, que se exhibirá nas inmediacións do Kiosco Alfonso en colaboración co Concello da Coruña.
La 8 en YouTube.

La 8 parte dunha investigación persoal na que Erick Jiménez recolle todo aquilo que lle influíu como artista, facendo fincapé no cotiá e no popular. Comeza así a tomar forma unha creación escénica que pon en valor estes aspectos, a partir de experiencias e recordos tanto propios como dos intérpretes implicados no proxecto. De feito, o nome de La 8 fai referencia ao barrio de Costa Rica no que medrou o coreógrafo e no que actualmente vive a súa familia.

Inspiración persoal e tradicional

Nesta procura do persoal, Jiménez pediulles aos bailaríns que traballaran con cancións e bailes dos seus lugares de orixe, e empregou os números dos seus DNI para crear coordenadas no espazo das que xurdiron as primeiras estruturas de movemento. Inspirouse, ademais, en danza populares galegas empregando liñas e formacións propias do baile tradicional, así como nas estruturas da danza postmoderna. A partir deste material, no traballo resultante as experiencias e os recordos deixan de ser exclusivamente persoais para adquirir un carácter universal a través do intercambio e a confrontación entre todos os participantes.

O desenvolvemento de La 8 enmárcase no labor que realiza o Centro Coreográfico Galego a prol dos novos creadores, aos que se quere dar a oportunidade de traballar con equipos de intérpretes profesionais nun marco sen presións polo resultado. Xunto con Erick Jiménez, o CCG convidou tamén a Kirenia Martínez para realizar unha investigación coreográfica durante catro semanas cos trece bailaríns da última produción do Centro, Giseliña: Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katia J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Migel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

(Fotografía: Iria Naya)

Documentos

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais